Skip to main content

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres o programa Saborea a túa provincia, unha das medida recollidas no Plan de Impulso da Economía que impulsa a institución provincial cun investimento de 7M€, practicamente o 8% do seu orzamento, para contribuír a paliar o impacto da pandemia con accións de apoio, promoción e incentivo do consumo dos sectores máis afectados polas restricións sanitarias, sobre todo a hostalería, o turismo e o comercio.

Así o informou o presidente, José Tomé Roca, que compareceu acompañado da Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto. Tomé Roca explicou que o programa Saborea a túa provincia ten como obxectivo “promocionar e incentivar o consumo dos produtos de calidade da provincia de Lugo e, desta forma, contribuír a apoiar e a reactivar a actividade da hostalería, do turismo e do pequeno comercio da nosa provincia”.

Para elo, organizaranse xornadas gastronómicas e lúdicas por toda a provincia, cada fin de semana, na que cociñeiros e cociñeiras lucenses colaborarán con establecementos locais para ofrecer pratos con produtos típicos de cada zona. Ademais, haberá actividades para todos os públicos.

Sempre que as condicións sanitarias o permitan, o programa Saborea a túa Provincia desenvolverase no mes de agosto, durante o que terán lugar 9 xornadas gastronómicas e lúdicas noutros tantos puntos diferentes de toda a provincia, alternando zonas de costa e de interior.

Cada unha das xornadas de Saborea a túa provincia contarán con catro espazos diferenciados: un para concertos, charlas e conferencias; demostracións culinarias, escaparate de promoción de produtos e degustación.

Entre os obxectivos do programa, subliñou o Presidente, está “contribuír á recuperación da hostalería e do turismo; favorecer a reconstrución do tecido empresarial; dar visibilidade aos diferentes destinos turísticos; sensibilizar sobre o potencial turístico dos 67 concellos da provincia; e  dar confianza aos visitantes”.