Skip to main content
Comarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXA

A Deputación colabora cun programa de emprendemento no marco do Camiño de Santiago

Por 13 Abril, 2021Sin comentarios

Pablo Rivera participou na presentación do proxecto

O deputado da área de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, acudiu hoxe á presentación do proxecto O Camiño Creativo de Santiago – XACOBEO21 Emprende! na Cidade da Cultura, unha iniciativa de emprendemento enmarcada na ruta xacobea e impulsada por España Creativa, coa que colabora a Deputación de Lugo cunha achega de 10.000 euros.

A iniciativa busca potenciar a creatividade dos emprendedores e axudalos a desenvolver un plan de negocio no contexto da industria cultural e tendo en conta os sectores máis tradicionais. O proxecto pretende inspirar aos participantes nas súas ideas mentres  percorren o Camiño de Santiago. Pablo Rivera destacou na súa intervención que “Lugo é unha provincia rica en quilómetros de rutas xacobeas e esta iniciativa contribuirá á proxección da riqueza medioambiental do noso territorio a nivel nacional e internacional ao tempo que fomenta unha economía do local nun contexto cada vez máis globalizado, dous sectores que é importante reforzar nestes momentos de crise provocada pola pandemia da covid”.

Ao longo do mes de abril abrirase a convocatoria do Camiño Creativo de Santiago – XACOBEO21 Emprende! e os participantes terán a posibilidade de escoller entre dúas rutas. A primeira terá lugar en xullo e, ao longo de 20 días, os emprendedores percorrerán o Camiño de Inverno. A segunda será en novembro, durará 40 días, e sairá desde Madrid. A idea é que os participantes poidan formarse durante o percorrido xacobeo.

A Deputación de Lugo forma parte da Rede de Cidades e Territorios Creativos de España como socia fundadora. Esta entidade foi constituída en 2016 en Monforte de Lemos e entre os seus principais obxectivos está a mellora na xestión da diversidade cultural de España e a cohesión social, potenciar a innovación como modelo de desenvolvemento e turismo cultural e creativo, impulsar todos os sectores da economía a partir do valor engadido da cultura e favorecer o diálogo entre territorios.

COPA DE ESPAÑA CREATIVA 2020

O xurado dos premios Copa de España Creativa 2020, galardón que distingue os proxectos máis innovadores e creativos do país, elixiu á Deputación de Lugo como finalista polo seu proxecto de recuperación e posta en valor dos soutos da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, xestionada pola institución provincial.