Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

A Deputación formaliza ante notario a extinción de Suplusa

Por 14 Abril, 2021Sin comentarios

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, a deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e demais liquidadores de Sociedade Urbanística Provincial (Suplusa), participaron este martes na sinatura da escritura pública da extinción de Suplusa ante Notaria, nun acto que tivo lugar na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos.

Este é o último paso para formalización da extinción da sociedade, logo de que fora sometida a exposición pública e non se rexistraran alegacións. A Comisión Liquidadora, formada por representantes dos tres grupos políticos con representación na institución, remataron o proceso de liquidación nun tempo récord, dun ano e dous meses. E, despois, o Pleno da Deputación de Lugo celebrado de forma extraordinaria o 30 de novembro, adoptou a decisión de extinguir Suplusa.

Un proceso que garante o compromiso feito pola institución provincial de manter todos e cada un dos postos de traballo das persoas que traballaban en Suplusa e de protexer os seus dereitos laborais. Así mesmo, ao eliminar o último ente instrumental que quedaba na Deputación, vese cumprido un  acordo recollido no pacto de goberno do PSdG e o BNG, que fará á administración máis eficaz e útil para a cidadanía, gañando máis control dos fondos públicos e máis transparencia. 

Efectos da extinción de Suplusa para a Deputación

A Deputación faise cargo dos bens inmobles de Suplusa, cun valor de taxación que ascende aos 24,3M€. Entre eles, atópanse terreos, parcelas, edificios, naves, maquinaria, medios auxiliares e vehículos, entre outros.

Igualmente, a Deputación asume a xestión dos polígonos industriais nos diferentes puntos nos que se encontran cada un deles. A xestión dos polígonos é o único servizo que ofrecía xa Suplusa, despois de que no ano 2018 se lle retirase o de xestión dos Centros de Atención a Maiores e, a finais do ano pasado, se decidise encargar á empresa pública Tragsa, como medio propio da institución, o mantemento e conservación de zonas verdes.

PARTIDO POPULAR EN CONTRA

Para o Partido Popupar a desaparición da sociedade leva aparellada a paralización dos proxectos de creación de solo industrial na provincia, “incumprindo así os compromisos establecidos, vía convenio, cos concellos; solo industrial reclamado en reiteradas ocasións polo grupo provincial do PP e polos alcaldes da provincia. É necesario atender eses compromisos, porque Lugo precisa solo industrial”, din os populares.

O deputado José Antonio García pon tamén de manifesto o incumprimento dos compromisos adquiridos cos ex traballadores de Suplusa. “Hai que lembrar que este asunto está pendente de resolver en vía xudicial, dado que os traballadores, que se sentiron traizoados polo presidente da Deputación, o ex sindicalista José Tomé, tiveron que acudir a esta vía en defensa dos seus dereitos. Non é menos grave a discriminación e agravio comparativo aos que o goberno provincial someteu aos traballadores, xa que algúns forman parte do cadro de persoal da Deputación e outros non, como é o caso dos de mantemento das zonas verdes, que están agora en Tragsa”.

O mesmo deputado popular sinalou que a extinción de Suplusa supuxo máis contratos para Tragsa, de forma abusiva, de modo que se incrementan os custos para os lucenses. García sinalou: “Contrariamente ao que aseguraba  o goberno provincial, a disolución de Suplusa non adelgazou á administración, senón que a engordou, e como exemplo está a facturación de Tragsa nos dous últimos anos. Está aínda sen xustificar o uso, presuntamente irregular, que fixo esta empresa pública dos bens de Suplusa, sen autorización da sociedade”.