Skip to main content

A UNED de Lugo e a Fundación Ecotur deron o primeiro paso para a creación da Escola de Turismo Sostible da provincia de Lugo mediante a sinerxía entre ambas as dúas entidades, sumando forzas para ofrecer respostas e oportunidades ao sector turístico da provincia de Lugo.

O turismo estase vendo gravemente afectado pola pandemia e as súas consecuencias socio-económicas. En gran medida, esta non é máis que a punta de lanza do noso estilo de vida e a enorme presión que tal estilo exerce sobre o planeta e a súa biodiversidade.

Cómpre reformular ese estilo de vida e atopar o equilibrio entre os eidos sociais, medioambientais e económicos, e o turismo é a nosa ferramenta.

É máis, a transversalidade do mesmo fai do turismo un sector clave no avance dos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e na consecución de cada unha das metas a alcanzar na Axenda de Desenvolvemento Sostible para o 2030, de aí a necesidade de abordar canto antes a formación necesaria para emprender nun turismo caracterizado e condicionado pola sustentabilidade.

As entidades puxeron en marcha unha experiencia piloto que consiste nunha primeira actividade, cuxa matrícula se abre hoxe e que leva por título Por un turismo lucense sostible.

O obxectivo da actividade é aprender e traballar xuntos por un cambio de época no sector tendo a sustentabilidade como base.

A actividade levarase a cabo do 11 ao 20 de maio en horario de 16.00 a 19.00 horas, e consta de catro bloques. Haberá conferencias e charlas maxistrais durante todas as tardes e tamén se porán en valor diferentes casos prácticos.