Skip to main content
Agro TERRACHÁXAComarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXA

Abre o prazo para as axudas á compra de maquinaria agrícola

Por 30 Abril, 2021Sin comentarios

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, informa de que o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación abriu hoxe o prazo para a solicitude de subvencións para financiar avais con destino á compra de maquinaria agrícola.

A subdelegada explicou que o obxectivo desta iniciativa do Goberno é promover a renovación do parque de maquinaria agrícola mediante a mellora do acceso ao crédito ligado á adquisición de máquinas novas. Desta maneira contribúese á redución dos custos de produción, a mellora das condicións de seguridade no traballo e á incorporación das mellores prácticas agrarias desde o punto de vista ambiental.

Esta convocatoria de axudas ten un presuposto de 3 millóns de euros e o Ministerio estima que xerará un efecto multiplicador de ata 50 millóns de euros.

O prazo para a presentación de solicitudes estará aberto ata o 1 de setembro.

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación subvencionará o custo do aval a créditos destinados á compra de maquinaria por un importe de ata 100.000 euros, durante os 10 primeiros anos do crédito avalado, coa posibilidade dun ano de carencia. Os custos do aval subvencionado corresponden á comisión do aval (1,15 % do saldo vivo do crédito durante todos os anos da súa vixencia) e o correspondente á comisión de estudo (0,5 % do importe solicitado, que se paga unha soa vez ao comezo do crédito).

A maquinaria adquirida deberá estar incluída no grupo de máquinas de obrigatoria inscrición nos Rexistros Oficiais de Maquinaria Agrícola. Entre outras máquinas inclúense tractores, remolques agrícolas, cisternas para o transporte e distribución de líquidos, equipos de tratamentos fitosanitarios ou de distribución de fertilizantes, remolcados ou suspendidos, esparcidores de xurros e accesorios de distribución localizada de xurros.