Skip to main content
Antas de Ulla

Xa se pode consultar o plan contra incendios forestais de Antas de Ulla

Por 6 Abril, 2021Abril 7th, 2021Sin comentarios

O Concello de Antas de Ulla dotouse dun Plan Municipal de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais, que supón definir a rede de faixas secundarias de xestión da biomasa, formadas por un conxunto de parcelas lineais do territorio estratexicamente localizadas, e garantir o control e a eliminación total ou parcial da biomasa forestal mediante técnicas silvícolas axeitadas, co fin de reducir o risco de incendio e protexer a seguridade das persoas.

No documento, redactado por Seaga en colaboración co Concello, defínese a rede de faixas secundarias de acordo co establecido na Lei 3/2007, de 9 de abril, de prevención e defensa contra incendios forestais de Galicia, no cal se inclúe a rede secundaria de faixas de xestión da biomasa perimetral ao solo urbano, núcleos rurais e urbanizables, ao redor das edificacións destinadas ás persoas, vivendas illadas, urbanizacións, depósitos de lixo, cámpings, gasolineiras, parques e instalacións.

Cartografía das faixas secundarias en Antas de Ulla

O Plan Municipal de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais está xa a disposición dos veciños e veciñas na sede electrónica do Concello de Antas de Ulla e nel pódese acceder tamén á cartografía completa das faixas secundarias de xestión de biomasa.

RISCO POTENCIAL MODERADO

Segundo a análise estatística realizada, a partires dos datos proporcionados por Medio Rural para o período 2008-2017, o índice de risco potencial (IRP) do concello de Antas de Ulla é ‘moderado’. Nese período, o municipio presenta unha media de 8,40 incendios por ano e 18,11 hectáreas por ano queimadas. O número de incendios forestais rexistrados foi de 84 lumes, queimando un total de 181,05 hectáreas, 39,78 arboradas e 141,27 rasas.

En Antas de Ulla non hai tampouco parroquias declaradas de alta actividade incendiaria. O maior número de incendios ocorre nas parroquias de A Cervela (San Miguel) e Árbol (Santalla), sendo a parroquia de San Fiz de Amarante a que presenta a maior superficie queimada, con 65,66 hectáreas calcinadas.

O goberno local de Antas de Ulla salienta a importancia da análise do estado forestal do Concello, así como das zonas prioritarias de actuación e as faixas de prevención contra os lumes, “o que facilitará a toma de decisións para determinar as medidas necesarias en cada caso”.