Skip to main content
Antas de Ulla

Antas acollerá o sábado 17 a presentación do proxecto do Parque Central de Galicia

Por 9 Abril, 2021Abril 10th, 2021Sin comentarios

O presidente da Deputación, José Tomé Roca,  presentará o sábado 17 de abril o proxecto do Parque Central de Galicia, nun acto aberto ao público previsto para as 20.00 horas en Antas de Ulla. O parque proxectado situarase no centro xeográfico galego, situado no lugar de Nugallás, na parroquia de San Fiz de Amarante.

José Tomé Roca e maila deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, exporán os detalles e as actuacións concretas que se acometerán no lugar. Será, dixo o mandatario provincial, un acto ao aire libre e con medidas de prevención da covid, ao que poderá acudir a veciñanza da localidade de Antas de Ulla, pero tamén do resto dos concellos da comarca da Ulloa ou calquera outra persoa interesada en coñecer polo miúdo en que vai consistir o proxecto que impulsa a Deputación.

“Este ambicioso proxecto suporá un revulsivo turístico e económico para a comarca da Ulloa e para o resto da provincia, enmarcado no forte compromiso da Deputación polo reequilibrio territorial e a fixación de poboación no entorno rural, creando novos postos de traballo e dinamizando a actividade económica”, destaca Tomé.

O presidente provincial xa lle explicou fai unha semana ao rexedor de Antas de Ulla, Javier Varela, e ao presidente do Instituto de Estudos Ulloáns, Francisco Pardo, a iniciativa que proxecta crear un gran espazo público de lecer e natureza no centro xeográfico de Galicia, acondicionando e poñendo en valor este lugar, co que agardan dinamizar o emprego e a economía do municipio de Antas de Ulla, da comarca e do conxunto da provincia.