Skip to main content
Antas de Ulla

AVA demanda o arranxo urxente da Casa da Cultura de Antas

Por 25 Abril, 2021Sin comentarios

“A Casa da Cultura de Antas de Ulla é un auténtico centro de vida: alí dámonos cita todas as semanas, e sobre todo nas fins de semana, ben máis dun cento de persoas, dende cativos até maiores. É lugar de desenvolvemento preferente das actividades das nosas asociacións, polo tanto, sitio de encontro, de creación, de socialización… É un edificio público fundamental”, explican dende AVA.

Este colectivo asegura que o mantemento do local “deixa moito que desexar nos últimos anos”. Afirman que existen problemas nos baños, nas paredes, coa calefacción, etc. E nos últimos meses, goteiras que provocan unha importante entrada de auga no salón de actos cada vez que chove forte ou hai treboada. “A auga estraga as butacas, as paredes e pode chegar a derramar os útiles das asociacións (algúns deles electrónicos)”, din.

Engaden que a responsabilidade do seu mantemento e coidado é do Concello. “Leva anos desatendida, os problemas non son de agora, mais estanse agravando. Dende que concorremos ás eleccións do 2019, AVA estivo presente na aprobación do orzamento municipal de tres exercicios: 2019, 2020 e 2021. Nos tres debates de aprobación do orzamento pedimos que se reservara unha partida suficiente para o mantemento da Casa da Cultura. Mesmo chegamos a impugnar o orzamento de 2021 por falta de previsión de gasto para mantemento de edificios públicos”.

2Até o momento non se solucionaron os problemas desta instalación de transcendental importancia para a veciñanza. No orzamento deste 2021 (aprobado fóra de prazo recentemente) resérvase unha partida de 27.000 euros para a Casa de Cultura, Colexio e Centro de saúde. En principio, parece unha cantidade insuficiente: no vindeiro Pleno preguntaremos cando se vai executar este gasto e en que van consistir as intervencións. Faremos fincapé na necesidade de efectuar con premura os arranxos que precisa a Casa da Cultura”, engaden.

“Está ben que as Administracións invirtan no noso Concello, como se ten anunciado e celebrado nos últimos tempos, pero é de responsabilidade e obriga que quen ten as competencias vele polo mantemento e o coidado dos edificios e infraestruturas. En definitiva, polo coidado das inversións que se pagan cos cartos de todos… Non si?”, conclúen.