Skip to main content
Baleira

Denuncian listas de espera de 9 días para unha cita médica telefónica en Baleira

Por 14 Abril, 2021Sin comentarios

A voceira do PSOE en Baleira, Laura Burgué adiantou hoxe que o seu grupo defenderá unha moción no vindeiro pleno para que o Concello tome “as medidas oportunas” diante da Xunta de Galicia “para reforzar de xeito urxente” a asistencia sanitaria no centro de saúde do Cádavo.

“Nós non seremos cómplices dos recortes sanitarios que está sufrindo a nosa vila. O alcalde non pode darlle as costas á veciñanza nun momento tan complicado, ten que tomar cartas no asunto xa”, insistiu Burgué.

Os socialistas din facerse eco das queixas das veciñas e veciños que denuncian que nestes intres “existe unha lista de agarda para conseguir unha cita telefónica co médico de ata 9 días”. Sinalan ademais que o Baleira ten unha incidencia da covid inferior a 1, e nos últimos 14 días non se diagnosticaron novos casos. “Polo tanto non se xustifica que con estes datos, non se poida atender con tódalas garantías aos seus usuarios no centro de saúde”, denuncia Burgué.

Dende a Agrupación Socialista de Baleira defenden que a sanidade pública “é fundamental, sobre todo nestes tempos da covid” e por iso reclaman que se reforce a atención primaria “como así xa o establecen tódalas recomendacións”. “O noso Concello conta cunha poboación altamente envellecida, que precisa atencións e coidados neste tempo tan excepcional de pandemia. É inadmisible que unha veciña ou veciño de Baleira teña que esperar ata 9 dias para conseguir unha consulta telefónica co seu médico, nós non imos consentilo”, conclúen.