Skip to main content
Baralla

Baralla activa dúas liñas de axudas a autónomos e empresas para paliar as dificultades da covid

Por 12 Abril, 2021Abril 13th, 2021Sin comentarios

O Concello de Baralla vén de anunciar a posta en marcha de dúas liñas de axudas co fin de reactivar o tecido económico do municipio fronte ás dificultades derivadas da covid. Unha das liñas diríxese ao sector da hostalería e a restauración, e a outra a microempresas e traballadores autónomos.

En canto ás axudas dirixidas a microempresas e persoas traballadoras autónomas, serán contías fixas de 500 euros. Poderán solicitar esta subvención as persoas físicas autónomas e persoas xurídicas, así como comunidades de bens, sociedades civís ou outras entidades sen personalidade xurídica, con domicilio fiscal no termo municipal de Baralla e que acrediten unha baixada da súa facturación cando menos do 45% no ano 2020, comparado coa facturación de 2019. Exceptúanse en todo caso as empresas e traballadores vinculados aos sectores da hostalería e a restauración, para os que o Concello deseñou outra liña de axudas.

O modelo de solicitude das subvencións para pequenas empresas e autónomos está dispoñible na web www.concellodebaralla.es e nas oficinas municipais, e deberá presentarse no rexistro xeral do Concello de Baralla, presencialmente ou de xeito telemático a través da sede electrónica. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes a contar desde o día seguinte á publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.

A concesión da subvención efectuarase en réxime de concorrencia competitiva, establecéndose como criterio de valoración a data e a hora de entrada que figuren rexistradas na solicitude, e sempre que reúna a totalidade dos requisitos e documentación requirida na convocatoria. A concesión de axudas manterase ata esgotar o crédito dispoñible, que ascende a 13.000 euros, se ben o goberno local non desbota ampliar o crédito “se finalizado o prazo de solicitude se tivera presentado un número de solicitudes para o que non foran dabondo a contía inicialmente consignada”.

Doutra banda, o Concello de Baralla anuncia axudas de 1.000 euros para os negocios de hostalería e restauración do municipio. “Asinamos un acordo coa Xunta para simplificar os trámites burocráticos e facelo máis cómodo para os negocios, que recibirán automaticamente a subvención da Xunta máis a do Concello”, explican desde o goberno local.

A maiores das subvencións, o Concello anuncia tamén a creación de 8 postos de traballo temporal co fin de “axudar neste ano difícil ás persoas desempregadas do noso pobo”.