Skip to main content
Castro de Rei LUGOXACastro de Rei TERRACHÁXA

Castro iniciará as obras de abastecemento o mes próximo

Por 15 Abril, 2021Abril 16th, 2021Sin comentarios

O Concello de Castro de Rei e Augas de Galicia darán comezo no mes de maio ás obras de mellora do abastecemento municipal na súa primeira fase, tal e como anunciou o alcalde, Francisco Balado. Esta obra ten como obxecto ofrecer un subministro de calidade de auga ao núcleo de Castro de Ribeiras de Lea, cun investimento de preto de 630.000 euros.

Esta rede presenta déficit de presión en distintos puntos durante o período estival e, polo tanto, falta de capacidade para cubrir as demandas nesta época. O Goberno galego financia o 80% do orzamento necesario para este proxecto, correspondendo o 20% restante do importe ao Concello.

Mentres o Concello espera o inicio das obras da primeira fase, que teñen un prazo de execución de seis meses, está pechando xa o convenio para a segunda fase deste proxecto, que conta cun orzamento de 400.000 euros, financiado nun 80% polo organismo dependente da Xunta de Galicia e nun 20% pola administración local.

Esta segunda fase consiste na execución dunha nova tubaxe de máis de 1,5 quilómetros de lonxitude en parte do núcleo de Castro de Ribeiras de Lea e ao longo da estrada LU-1706 cara a Feira do Monte, resolvendo todas as interferencias con outros servizos existentes no trazado da mesma.

O obxectivo é licitar os traballos desta segunda fase despois do verán.

“Con estas actuación non só se favorece o núcleo de Castro e o polígono industrial, tamén mellorará o servizo nas parroquias de San Xiao de Mos, en Triabá e en Ribeiras de Lea, e que tamén terá repercusións nas de Matodoso e Loentia”, subliña Balado.