Skip to main content
O Corgo

Destínanse 187.600 euros para instalar medidas de contención da fauna na vía Lugo-Monforte

Por 26 Abril, 2021Sin comentarios

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade instalará medidas de contención da fauna en dous quilómetros da vía de altas prestacións CG-2.2 Lugo-Monforte de Lemos ao seu paso polo municipio de O Corgo. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que a Xunta publica hoxe a licitación do contrato da obra, que conta cun orzamento de 187.600 euros e que servirá como experiencia piloto para comprobar a efectividade da intervención.

O ensaio realizarase entre os puntos quilométricos 9 e 11 da vía de altas prestacións, e pretende evitar a sinistralidade debida ao acceso de animais á calzada, especialmente os xabarís, que son os que provocan a maior parte dos accidentes.

Instalarase un novo peche de seguridade de malla de 1,50 metros de altura sobre o terreo para a contención de animais domésticos e fauna salvaxe, como os corzos, e adaptación ao chan cunha tensión do valado superior aos 1.000 quilos de arrastre para a contención dos xabarís.

Nos ramais de enlace -onde se interrompe o valado de malla- colocaranse os chamados pasos canadenses, que consisten nunha abertura transversal na estrada cuberta por unha reixa metálica que os animais recean de atravesar por temor a pisar nun chan no que perciben profundidade. Con antelación a estes pasos antifauna incorporaranse redutores de velocidade e bandas transversais de alerta para a seguridade do tráfico.

Co fin de facilitar a saída dos animais que consigan entrar na plataforma, instalaranse varios sistemas de escape, como ramplas consistentes en puntos de acumulación de materiais nas marxes pola parte interior da calzada ata alcanzar a altura da malla, para que poidan ascender e saltar cara ao exterior.

O delegado territorial sinalou que se trata de medidas apropiadas para estradas con valado e limitación de accesos -autoestradas, autovías e vías de alta capacidade- e, sobre esta premisa, seleccionouse un dos puntos do corredor que presentaba maior incidencia de sinistros por irrupción de fauna na calzada.

As probas piloto desenvolveranse simultaneamente no municipio do Corgo e noutros dous quilómetros da vía de altas prestacións AG-64 no municipio de Narón (A Coruña). O orzamento total do proxecto ascende a 426.000 euros. As empresas interesadas neste contrato teñen de prazo ata o vindeiro día 24 de maio para presentar as súas ofertas.