Skip to main content
Lugo

Avanza a transformación da Ronda da Muralla, entre as rúas Santiago e Vilalba

Por 5 Abril, 2021Outubro 31st, 2021Sin comentarios

O tenente de alcalde e responsable da área de Mobilidade e Infraestruturas en Lugo, Rubén Arroxo, informou este luns dos avances realizados no proxecto de transformación da Ronda da Muralla, no percorrido entre a rúa Santiago e a rúa Vilalba. “Trátase dunha zona situada a carón da muralla que case non tiña beirarrúa, e na que os vehículos pasaban pegados ao monumento na que realizamos unha intervención temporal no 2020, anulando un carril de circulación ao tráfico rodado, aumentando o espazo peonil arredor do monumento”, lembrou Rubén Arroxo.

A área de Mobilidade vén de recibir a aprobación da Dirección Xeral de Patrimonio o que, segundo Rubén Arroxo “permitirá avanzar no procedemento de contratación desta actuación”. A transformación deste treito da Ronda sairá a licitación cun orzamento base de preto de 576.000 euros, e un prazo de realización de 6 meses.

“Unha vez remate esta actuación e a peonalización do treito da Mosqueira, a veciñanza de Lugo contará coa totalidade da zona sur da Muralla humanizada”, explicou o edil nacionalista.

Segundo Rubén Arroxo, “a mellora deste treito permitirá transformar o entorno da Ronda da Muralla, non só aumentando o espazo peonil, senón renovando a zona da Porta de Santiago dando unha mellor estética ao punto da cidade no que se xuntan os tres Patrimonios da Humanidade cos que contamos”. Ademais, o tenente de alcalde explicou que “o proxecto que se levará adiante permitirá ampliar a actuación no futuro, cando se avance na peonalización total da Ronda da Muralla”.

O alumeado deste treito consistirá en 9 luminarias LED tipo RGB, que permitirán unha iluminación ás distintas horas e á luminosidade do monumento segundo a hora do día, mostrando luces de tonalidade cálida na noite e luz fría durante as mañás.

En canto á circulación do tráfico, Rubén Arroxo avanzou que “os vehículos  contarán con maior fluidez, xa que se modificará o cruce da Ronda da Muralla coa rúa Santiago”. O cruce pasará de ter o actual semáforo de 3 tempos a contar con preferencia no tráfico que circule pola Ronda, tendo un ceda ao paso os vehículos que se acheguen pola rúa Santiago.