Skip to main content
Lugo

Entrevista. “O Espazo de Danza Universitario converteuse en canteira de profesionais da danza”

Por 11 Abril, 2021Abril 12th, 2021Sin comentarios

A Domus do Mitreo, en Lugo, acolle estes días a mostra ‘A danza no tempo’, unha sorte de homenaxe a todos cantos forman ou formaron parte nalgún momento do Espazo de Danza da USC, cando está a piques de acadar os 25 anos de vida. Esta ‘escola’, pioneira nas universidades españolas, presentou a súa primeira creación propia na capital luguesa no ano 1997 e desde entón non deixou de sumar éxitos e rachar conceptos preconcibidos. Falamos con Juan Carlos Zahera, que dirixe o Espazo de Danza desde a súa orixe.

O Espazo de Danza da USC vai camiño de acadar o cuarto de século. Como xorde e con que obxectivo?

O Espazo de Danza comezou a súa traxectoria a través do proxecto ‘A música en concerto coa imaxe e a danza’, no que se estreou a primeira coreografía de creación propia titulada ‘O Museo’, na Sala de Mosaicos do Museo Provincial de Lugo. Isto aconteceu en decembro de 1997, fai case 25 anos, e crea un espazo aberto aos estudantes universitarios para o desenvolvemento e evolución da danza, e foi a orixe dun laboratorio de danza contemporánea.

Juan Carlos Zahera

Así mesmo, canaliza as súas actuacións dentro de espazos escénicos diferentes aos xa establecidos -auditorios, teatros…- aunándoos en espazos non establecidos, como museos, facultades ou igrexas. Nas súas montaxes consegue fusionar as artes plásticas coas escénicas e musicais. Dende entón, o Espazo de Danza abriuse á participación de toda a comunidade universitaria (alumnos, profesorado, persoal non docente), para facilitarlles o acceso ao mundo da danza contemporánea, independentemente de que tivesen unha maior ou menor formación técnica. Non se pide unha gran preparación técnica en danza pero si un interese por esta arte escénica e sobre todo pola capacidade de traballo en grupo e o desenvolvemento persoal.

Foi ademais unha iniciativa pioneira…

Nas universidades españolas non se apoiaba o mundo da danza naquel momento. A USC foi pioneira xunto coa Universitat Autónoma de Barcelona e a Carlos III de Madrid, que eran as únicas que contaban con aulas de Danza, e rompiamos moitas regras establecidas do mundo académico da danza: empezar a traballar con xente de 20 anos en adiante, non partir dunha técnica senón crear movementos a través de sensacións, etc.

Estes días pódese ver na Domus do Mitreo a mostra ‘A Danza do Tempo’, que atopará o espectador?

Trátase dun proxecto compartido con bailaríns profesionais, persoal docente e estudantes. A exposición é o resultado da colaboración entre a fotógrafa lucense Chus Varela e máis eu. Esta colaboración desenvolveuse ao longo de 3 anos e consistiu na realización dunha serie de 20 fotografías que tentan ser unha homenaxe e un exemplo do traballo realizado por todos e todas os que formaron e forman parte deste Espazo de Danza universitario. A idea era reflectir nas fotos o carácter do Espazo de Danza: un carácter eminentemente innovador e experimental, e para iso fixéronse fotos en lugares moi diversos: espazos naturais como as Médulas, e espazos arquitectónicos como a Igrexa da Universidade. Tamén se utilizaron diferentes materiais: terra, auga, lume…

Cantas compañías ten o Espazo de Danza?

O Espazo de Danza Universitario dá orixe a dúas compañías oficiais de Danza Contemporánea, unha compañía de Danza tradicional Galega, a compañía de Danza Oriental, outra de bailes latinos, compañías independentes -grazas á política de axudas á creación de novas compañías de danza, desenvolvido pola Vicerreitoría de Cultura, emerxen novos creadores, xestores e directores independentes- e a Compañía de Danza ‘Sen Vergoña’ de IV Ciclo, para maiores de 55 anos. Tamén colaboramos coa Fundación Down Compostela presentando traballos conxuntos de integración.

Hai canteira de danza en Galicia, e concretamente en Lugo?

Penso que si, e concretamente en Lugo está a desenvolverse en todos os centros, tanto oficiais como particulares, unha labor de formación moi importante. De feito temos grandes profesionais lucenses, como Alba Barral, Esther Latorre, etc.

Cantas persoas participan na formación do Espazo de Danza no campus de Lugo?

A nivel profesorado hai tres docentes e a nivel alumnado ao redor de 60, pero hoxe en día, por culpa da covid, o alumnado reduciuse moitísimo debido ás normas de prevención, e non podemos ter mais de 10 persoas por clase.

Das aulas do Espazo de Danza teñen saído grandes profesionais, onde está o segredo do éxito?

Moitos dos alumnos que pasaron ao longo destes anos polo Espazo de Danza da USC hoxe en día son bailaríns profesionais de referencia, tanto no ámbito autonómico, nacional como tamén en compañías estranxeiras, converténdose o EDU nunha canteira de futuros profesionais no mundo da danza. Isto non foi pensado como un obxectivo pero decantouse coma unha consecuencia, non creo que teña segredos, mais ben tes que ser constante e sentir a maneira do movemento que podes crear ti.

Que cualidades debe ter un bailarín ou bailarina?

Como dicía, a constancia é básica, xunto coa necesidade imperiosa de ‘vivir’ dentro do mundo da danza.

Ata a actual situación sanitaria, o Espazo de Danza promovía os Encontros universitarios, que se converteron en foro de intercambio cultural a través da danza, como valora eses encontros?

Os Encontros teñen como finalidade  favorecer o intercambio cultural a través da danza por medio das distintas propostas coreográficas das universidades participantes. O obxectivo principal é achegar a danza ao público, para contar a través dos distintos espazos da nosa Universidade as nosas inquedanzas, compartir, coñecer as distintas experiencias e traballos en torno á danza contemporánea. Concíbese tamén como un espazo de residencia e de traballo para os artistas participantes. Durante estes 20 anos de Encontros participaron compañías de danza de moi distintos países, como Francia, Portugal, Lituania, Reino Unido, Italia, México, Porto Rico ou Colombia.

Como lles está a afectar a pandemia?

Por desgracia hai moitos sectores profesionais que durante esta pandemia se están a ver moi afectados e o noso, sen dúbida, é un dos grandes afectados. Bailar con máscaras sanitarias é practicamente imposible, pola falta de aire que nós necesitamos de xeito continuado. Ademais pérdese tamén a expresividade do rostro, etc. Nós tivemos a gran sorte de que a vicerreitora de Cultura, Mar Lorenzo, contase con nós nos meses de confinamento para a realización da campaña de presentación de matrículas deste novo curso, chamada ‘Unha experiencia Vital’, que gravamos con todas as medidas de protección estipuladas. Ademais seguimos desenvolvendo os distintos cursos de danza e, como podedes ver este días, facendo a mostra fotográfica.

En que proxectos están a traballar agora?

Agora mesmo estamos a preparar, a través de streaming, unha intervención coreográfica das compañías oficiais da USC.

Teñen previsto retomar as actuacións presenciais?

Esperamos e desexamos que sexa así, e que todo isto sexa pasado.

GALERÍA DE FOTOS