Skip to main content
Lugo

Adxudicadas as obras de restauración do lenzo da muralla en Clérigos

Por 14 Abril, 2021Sin comentarios

O tramo que se vai restaurar está á altura da rúa Clérigos

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de adxudicar as obras de restauración dun tramo do lenzo da Muralla á altura da rúa Clérigos, ás que destinará un orzamento de 137.500 euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que as obras contan cun prazo máximo de execución de catro meses e afectarán a un tramo de 12,16 metros situado entre os cubos XXX e XXXI.

A actuación, cofinanciada con fondos Feder, resolverá as patoloxías que presenta a pedra, como a disgregación de morteiros e a aparición de fisuras que se deben fundamentalmente á incidencia da choiva e outros elementos de desgaste propios do paso do tempo. Para elo, procederase ao desmontado de petos e muros, impermeabilización e reconstrución da estrutura.

Entre os traballos contemplados figura a escavación manual arqueolóxica do adarve ata cota orixinal romana, separar o recrecemento da estrutura orixinal mediante lámina de xeotextil para logo volver a cubrir con laxas de lousa tomadas con morteiro de cal,  e o desmontado e retirada da instalación eléctrica e luminarias existentes para facilitar a execución das obras.

Igualmente, vaise realizar unha cata coa finalidade de definir o trazado orixinal do cubo XXX así como o levantamento topográfico e fotogrametría 3D, que mellorarán o coñecemento sobre a Muralla.

O proxecto dá continuidade ás obras de restauración do cubo XXXI, que a consellería acometeu hai un ano cun investimento de 142.000 euros, e que igualmente serviron para consolidar a estrutura, definir a traza orixinal do cubo e realizar un estudo exhaustivo sobre este elemento da Muralla.