Skip to main content
Lugo

Silvia Alonso toma posesión como concelleira en Lugo

Por 15 Abril, 2021Sin comentarios

O Concello de Lugo aprobou esta mañá, por unanimidade do pleno extraordinario, o segundo plan de axudas directas a empresarios e autónomos afectados polas restricións sanitarias da pandemia da covid, dotado dun millón de euros.

A alcaldesa, Lara Méndez, explicou que este plan dá continuidade ao primeiro Plan Reanima, dotado de 5 millóns de
euros, “o primeiro plan que se puxo en marcha, xa que se acordou o 15 de marzo do 2020, ao día seguinte do Estado de Alarma, e o primeiro tamén que se empezou a pagar, e do que se beneficiaron máis de 3.300 empresarios e autónomos”.

A rexedora salientou que, deste xeito, Lugo mobiliza “nun ano 20 millóns de euros” para reactivar a súa economía: “6 millóns en axudas directas aos sectores máis afectados pola crise económica derivada da situación sanitaria, 12 millóns nun pioneiro fondo inversor municipal (Lugo Transforma) para atraer investimentos, empresas e xerar novos postos de traballo, e o resto será canalizado nun ambicioso plan para dinamizar a vida económica dos barrios da cidade”, lembrou.

NOVA CONCELLEIRA

No pleno, tomou posesión do seu cargo como concelleira a profesora Silvia Alonso, que será a responsable da área de Igualdade e Muller, despois da reorganización do goberno local presentada a semana pasada pola alcaldesa lucense trala dimisión do edil Miguel Couto.

O grupo municipal do PP trasladoulle á nova concelleira a “necesidade da tramitación urxente” da adhesión da cidade “á Rede Galega contra a Violencia de Xénero e ao Vioxén”.

Para os populares “é inexplicable que o concello non se teña sumado a estes mecanismos e que “quedemos atrás á hora de mellorar a coordinación” na loita contra esta lacra social. “Estamos falando de ferramentas que deberían estar funcionando a pleno rendemento pero que, inexplicablemente, no Concello de Lugo están desaparecidos”, din.