Skip to main content
Lugo

Unha sentenza obriga ao Concello a incorporar ao persoal do 010

Por 17 Abril, 2021Sin comentarios

A sentenza que se emitiu o pasado 31 de marzo recoñece o dereito de catro traballadoras da empresa do 010 a entrar na plantilla municipal, como persoal laboral indefinido, porque durante longo tempo desempeñaron as súas tarefas en locais do Concello, recibiron órdenes de persoal municipal e tamén empregaron medios públicos.

A sentenza xudicial declarou a nulidade do despido das catro traballadoras do 010 con data do 20 de decembro de 2019 e a abonar os salarios que deixaron de percibir así como a obriga de readmisión polo Concello de Lugo e a empresa concesionaria.

Á vista do sucedido os populares anunciaron que pedirán explicacións a PSOE e BNG porque queren saber “cantas persoas traballan para o Concello en condicións semellantes ás das catro traballadoras ás que o xulgado recoñece o seu dereito a integrarse na plantilla municipal”. “Moito nos tememos que poida haber máis casos e que, antes ou despois, acaben na plantilla do concello mediante sentenzas que lles sexan favorables”.

Os populares acusan a PSOE e BNG de implantar un modelo de portas xiratorias para facilitar a entrada de persoal pola porta de atrás lembrándolles que “o único modo de acceder á Administración é o que se rixe polos criterios de publicidade, igualdade, mérito e capacidade”. “É incomprensible que pasen estas cousas nestes momentos” preguntándose “se cadra os tempos novos que pregonan o PSOE, co visto bo do BNG, son máis rancios que nunca”.

CONTESTACIÓN DO GOBERNO LOCAL

En resposta ás afirmacións realizadas polo Grupo Municipal do Partido Popular sobre a situación do cadro de persoal do servizo de Atención Telefónica 010, o Goberno local informou que, seguindo as recomendacións da Asesoría Xurídica municipal, o Concello de Lugo procederá a recorrer a sentenza.

Indican tamén que a orixe do devandito conflito laboral ten a súa orixe, fundamentalmente, na interpretación dos termos que recolle o convenio colectivo do sector ao respecto da subrogación dos traballadores e traballadoras deste ramo.

“Fronte as acusacións do voceiro popular, que acostuma a recaer continuamente na difamación, o goberno local contrapón todo o proceso de regularización da situación laboral das e dos empregados da Administración local levada a cabo nos últimos meses, facilmente contrastable cos numerosos procedementos convocados e, entre outras medidas, coa entrada en vigor da RPT, a posta en funcionamento dunha bolsa de traballo para 42 categorías profesionais así como a provisión das xefaturas de servizo, etc, etc que restan de toda credibilidade as manifestacións efetuadas polo PP”, din.