Skip to main content
Lugo

A Deputación descubriu os recursos turísticos da provincia a estudantes cun taller escolar

Por 17 Abril, 2021Sin comentarios

O presidente da Deputación, acompañado da Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo e a alcaldesa de Lugo visitaron aos escolares do IES lucense Ánxel Fole

O presidente da Deputación, José Tomé Roca, xunto á deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e á alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañaron aos estudantes do IES lucense Áxel Fole, durante a última xornada do Taller Escolar de Turismo promovido pola institución provincial. Preto de 5.000 alumnos e alumnas de 4º, 5º e 6º de primaria e 1º e 2º da ESO de 74 centros da provincia participaron nesta iniciativa entre o 12 ao 16 de abril.

Os colexios e institutos, de case 50 concellos, inscritos nesta actividade achegaron aos seus estudantes ao turismo de proximidade durante cinco xornadas. Esta viaxe, que  se realizou a través do libro Destino Lugo, ten como obxectivo favorecer o coñecemento por parte dos nenos e nenas da súa contorna e impulsar o turismo sostible. Tomé Roca destacou que “dende este goberno entendemos que promover o turismo de proximidade é un xeito de axudar á reactivación da economía da nosa provincia, pero tamén unha maneira de incentivar un lecer seguro en tempos de restricións de mobilidade”.

Pola súa banda, Lara Méndez subliñou a importancia do turismo de proximidade “pois representa unha gran oportunidade para redescubrir lugares que atesouran unha gran riqueza histórica, cultural e artística, ao  tempo que promovemos tamén o afecto polo noso patrimonio dende a infancia, para que os máis pequenos crezan coñecendo as potencialidades coas que contamos, e que eles mesmos poidan converterse, logo, en divulgadores desa riqueza”.

Con esta actividade o alumnado descubriu a provincia a través dunha historia teatralizada na que un grupo de estudantes, acompañados dunha profesora e o mago Merlín, coñece os valores que se agochan en cada unha das comarcas lucenses. “Con esta proposta traballamos en dúas liñas: dunha banda, impulsando un turismo para toda a provincia que poña en valor a variedade dos destinos de Lugo e doutra, espertar o interese polo turismo entre o alumnado e o seu círculo familiar”, insistiu o presidente.