Skip to main content
Lugo

ADEGA leva a xestión do lixo de Lugo a debate

Por 21 Abril, 2021Sin comentarios

A delegación de Lugo de ADEGA, pon en marcha as xornadas “Ecoloxía na cidade” centrándoas neste mes de abril no lixo, e a súa problemática en canto á xeración e xestión. O obxectivo é amosar a importancia que ten a correcta xestión dos refugallos xerados polos nosos hábitos cotiás, e analizar en que xeito unha cidade como Lugo pode reducir a súa pegada ecolóxica.

Comezarase o sábado 24 de abril cunha pequena andaina de limpeza, nas nacentes do río Rato, na que ao rematar se fará un pequeno debate analizando a relación do lixo atopado coa actual sociedade consumista.

O xoves 29 de abril, en parcería coa UNED de Lugo, no salón de actos do centro universitario, terá lugar a mesa redonda “Ecoloxía na cidade: 1. O lixo”, na que se analizará a problemática do lixo nas cidades, centrándose máis polo miúdo na situación de Lugo, e onde se coñecerán algunhas solucións que se están a desenvolver noutras cidades e vilas.

Convídase ademais a que toda a veciñanza de Lugo se una a campaña a través das redes sociais, e suba ao seu propio muro de Facebook, Instagram ou Twitter unha imaxe ou vídeo que amose a situación do lixo en Lugo, ben por ter un impacto negativo, como poden ser os verquidos ilegais (indicando o sitio no que se atopan), ou un impacto positivo como poden ser medidas de redución, reutilización ou reciclaxe. Nas publicacións empregaranse os cancelos #LixoEnLugo #EcoloxíaNaCidade e #ConcelloDeLugo.

Para participar na andaina e na mesa redonda (presencialmente) é necesario inscribirse chamando ao 982240299 ou escribindo a adegalugo@adega.gal. As prazas son limitadas, polo que se adxudicarán por orde de inscrición.