Skip to main content
Lugo

Renovación na rede de abastecemento en Marqués de Ombreiro

Por 22 Abril, 2021Sin comentarios

A Xunta de Goberno Local adxudicou esta semana á empresa Canalizaciones José Saa S.L as obras de renovación da rede de abastecemento en Marques de Ombreiro.

Os traballos, aos que se destina un investimento municipal de 89.719 euros, terán un prazo de execución de 3 meses e afectarán a un total de 35 acometidas existentes na marxe dereita desta avenida.

A intervención enmárcase dentro do plan municipal que o executivo de Lara Méndez está a desenvolver para erradicar a presenza de fibrocemento nas canalizacións da cidade. Un obxectivo para o que a área de Medio Ambiente consignou 1’2 millóns de euros.

Estas actuacións terán como finalidade a substitución das tubaxes actuáis por outras de fundición, máis resistentes e duradeiras, co obxectivo de pular pola sostibilidade, mellorando os servizos públicos, de forma especial naquelas zonas nas que as avarías na traída son frecuentes e teñen a súa orixe, precisamente, en seren as conducións de fibrocemento.

A licitación autorizada esta mañá súmase aos proxectos, xa en curso, para mellorar as infraestruturas de distribución da auga nas rúas Bataneira e Figueira, Escultor Asorei, Rei don García e Aviación Española así como noutras sete vías do barrio da Cheda.

Outros asuntos da orde do día da Xunta de Goberno

Por outra banda, na sesión celebrada esta semana, o equipo de goberno outorgou 9 licenzas para acometer diferentes actuacións urbanísticas no termo municipal.

Entre as máis destacadas figura a creación, cun orzamento de 3.039.190 €, dunha gran superficie minorista de venda de materiais de construción no parque empresarial das Gándaras que disporá dunha superficie útil de 7.822 m², dentro dunha parcela de 33.390 m², na que se habilitarán 317 prazas de estacionamento. O prazo de execución é de dous anos.

Igualmente autorizouse a instalación de 4 ascensores en sendos inmobles da rúa do Cedro (69.159 €), rúa Quiroga (56.291 €), Perpétuo Socorro (53.204 €) e Serra de Outres (45.126 €); así como o proxecto modificado dun edificio para 56 vivendas, dous locais sen actividade definida e zonas comúns na Praza de Bretaña (660.204 €), as modificacións en execución de obra nunha vivenda unifamiliar en Mazoi (48.023 €) e o cambio de uso dun baixo cuberta da rúa Vázquez Queipo (47.340 €).

Xa noutra orde de asuntos, procedeuse, asemade, á contratación, dende Medio Rural, da subministración de zahorra e grava miúda para rego, mediante lotes, cun importe conxunto de 75.000 € e a prorrogar durante un ano a de pan fresco do día e outros produtos de panadería para as instalacións do Fogar do Transeúnte por valor de 7.690 euros.