Skip to main content
Lugo

O PP pide axilización nas obras da autovía Lugo-Santiago

Por 23 Abril, 2021Sin comentarios

Os deputados do Grupo Popular José Manuel Balseiro e Ramón Carballo veñen de rexistrar unha iniciativa no Parlamento de Galicia na que reclaman a Goberno central a axilización das obras pendentes na autovía A-54, entre Lugo e Santiago, co obxecto de que poida entrar en servizo por completo non máis aló do ano 2022.

Os populares lembran que a Xunta vén demandando de xeito reiterado que o Ministerio de Transportes que dirixe o socialista Ábalos dea prioridade ás obras de construción desta autovía, unha petición que está a ser “desprezada” desde Moncloa.

“Resulta evidente que o Executivo central non atendeu esta demanda reiterada da Xunta porque hoxe, xa inmersos no Xacobeo, que nun principio sinalouse como data límite, as obras desta infraestrutura viaria atópanse aínda moi lonxe de finalizar”, manifestan.

Balseiro e Carballo explican que os traballos dos treitos pendentes da A-54, Palas-Melide e Melide-Arzúa, acumulan atrasos moi importantes e están a avanzar a  un ritmo moi lento. Un progreso tímido que fai prever que estes non poderán estar completamente rematados, como mínimo, ata finais de 2022, empregando as previsións máis optimistas.

Segundo o PP a este ritmo de execución hai que sumar ademais o recorte de investimentos que Executivo de coalición impuxo a Galicia e á provincia de Lugo nos orzamentos xerais do Estado para o actual exercicio. “En consecuencia, todo apunta a que esta infraestrutura seguirá a ser unha tarefa pendente, se non hai un cambio de estratexia e máis compromiso”, segundo consideran.

Para os deputados populares “é imprescindible que o Goberno de España intensifique o ritmo destas obras e aproveite os meses de primavera e do verán para avanzar dun xeito decidido nos tramos pendentes e así tratar de acurtar os prazos”.

“Galicia precisa do desenvolvemento en tempo e forma dunha infraestrutura estratéxica de tal xeito que, aínda que xa non sexa posible a súa entrada en servizo neste Ano Santo, si poida facerse durante o Xacobeo, que se estenderá ata 2022”, explican.