Skip to main content
Lugo

Presentado o IV Plan de Igualdade do Concello de Lugo

Por 27 Abril, 2021Abril 28th, 2021Sin comentarios

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presentou onte o borrador do IV Plan de Igualdade do Concello de Lugo 2021-2025, que recolle as estratexias e a folla de ruta coa que “seguiremos a  impulsar intervencións públicas directas e no marco das nosas competencias para acadar unha  cidade respectuosa, feminista e cun modelo de convivencia que se basee na igualdade de  oportunidades para a muller”.  

Acompañada da edil de Muller e Igualdade, Silvia Alonso, e da súa predecesora nesta área, Ana  González Abelleira, a alcaldesa destacou a importante participación da sociedade civil de Lugo  neste documento, “cuxo papel no deseño das estratexias na loita pola igualdade é decisoria, así  como o é e será na súa aplicación e na transformación da sociedade a través da educación e de  crear conciencia”. Neste senso, destacou que se presentaron máis de 130 achegas ao Plan  través do grupo focal que se creou, integrado por numerosos colectivos e asociacións, sindicatos e a Universidade.  

Ademais, na elaboración e no diagnóstico tamén participou a Comisión de Transversalidade,  composta polas distintas áreas municipais, concelleiros e traballadores, “xa que as iniciativas en  favor da igualdade deben aplicarse no conxunto das accións que desenvolvamos como  Concello, asumindo que, aínda que estas se definen co obxectivo de mellorar a calidade de vida  de toda a poboación, afectan de maneira distinta a mulleres e a homes debido ás súas diferentes  condicións de vida”, sostivo Lara Méndez.  

Este Plan de Igualdade, que xorde dun completo diagnóstico, recolle un total de 72 medidas e 28  obxectivos específicos que se enmarcan en 9 eixos de actuación: transversalización da  perspectiva de xénero na Administración; promoción do asociacionismo e a participación das  mulleres; sensibilización en materia de igualdade de oportunidades, violencia de xénero, trata,  explotación sexual e todas as formas de violencia machista, incluída a violencia sexual;  educación; emprego; conciliación e corresponsabilidade; cultura e deportes e saúde, urbanismo,  mobilidade e vivenda.  

Respecto aos plans anteriores, introduce como novidade no seus eixos o de ‘saúde, urbanismo,  mobilidade e vivenda’, co fin de reforzar a perspectiva de xénero na mobilidade e seguridade  cidadá, mellorar o acceso á vivenda de mulleres en situación de vulnerabilidade e impulsar a  difusión de información para contribuír á mellora dos recursos sobre patoloxías exclusivamente  femininas.  

Lara Méndez lembrou que Lugo ven traballando con estratexias firmes en prol da igualdade  desde o ano 2005, cando aprobamos o noso primeiro plan, e “desde hai 16 anos fomos  incorporando melloras e formulando diferentes medidas que nos permitisen ir actuando nas  diferentes necesidades atopadas en cada período, sempre intentando ir da man dos colectivos e  colaborando con outras administracións”. Os recursos económicos que o Concello destina a este  compromiso neste ano superan os 800.000 euros, “un 60% máis do que destina a Xunta a toda  a provincia, incluído Lugo”.  

Cada unha das 72 medidas que incorpora o plan está acompañada de instrucións para a súa  implantación, seguimento e avaliación, a designación das áreas do Concello responsables da  súa implantación e o nivel prioridade de cumprimento de cada medida. Respecto á prioridade,  establécense tres niveis –alta, media e relativa-, que responden a criterios organizativos,  orzamentarios ou de dificultade técnica.  

Entre as medidas hai novas accións a pór en marcha, e moitas outras son de continuidade e de reforzo de accións que o Concello ven desenvolvendo e que están a ter bo resultados. Entre as medidas destacadas pola alcaldesa, citou: a detención e posta en marcha dun plan formación en igualdade de oportunidades do persoal municipal, a elaboración dun Plan de Igualdade de Oportunidades da xestión dos recursos humanos do Concello, a recompilación de maneira sistemática de datos desagregados por sexo e información que permita coñecer de maneira diferenciada o uso que mulleres e homes fan dos  mesmos, potenciar a transversalidade das políticas públicas e un maior impulso da participación e a comunicación cos colectivos e asociacións de mulleres, entre outras.

Borrador para a Foro de Igualdade  

A avaliación do Plan, así como a súa coordinación e o proceso de seguimento será  responsabilidade da concellaría de Muller e da Comisión de Transversalidade, e a súa execución  será compartida con todas a concellarías do Concello e a Casa da Muller, que elaborarán a lista  de indicadores correspondentes a cada acción.  

O documento presentado pola alcaldesa é un borrador, que será agora trasladado nun novo  proceso consultivo ao Foro de Igualdade, composto este último tamén polo grupos políticos da  Corporación, polo que se esperamos que estea aprobado de maneira definitiva en maio.  

Lara Méndez destacou a necesidade de non esquecer que “que todos os días é tempo de  feminismo”, e máis nun momento onde a crise social e económica está a afectar aínda máis as  desigualdades da muller. “Son máis as que perderon o seu emprego, as que sufriron un ERTE” máis as que fixeron malabares coas clases dos seus fillos e fillas, a atención aos seus pais ou  avoas, o traballo profesional, as tarefas do fogar. E, por suposto, supuxo unha tortura engadida a  todas as mulleres vítimas de violencia machista”, comentou.  

Tamén alertou do risco de retroceso nos dereitos adquiridos “se avanza a ultradereita, polo que  debemos estar alerta para que estes movementos non se consoliden”.