Skip to main content
Lugo

O PP afirma que a crise en urbanismo está a paralizar Lugo

Por 28 Abril, 2021Sin comentarios

Os concelleiros do Grupo Municipal do Partido Popular  mantiveron varias xuntanzas con representantes de colectivos afectados directamente pola crise en urbanismo, como a Apec ou os colexios oficiais de arquitectos e aparelladores, contactos nos que os concelleiros populares atoparon varios problemas comúns aos que é preciso poñer freo de xeito inmediato.

Antonio Ameijide explica que o primeiro deles é mellorar a organización da área de urbanismo. “Non sabemos se o mellor é reestruturar ou tomar outra serie de medidas, pero é imprescindible facer algo para poder desatascar a situación, algo para o que pedimos unha auditoría externa e independente”, sinalou.

Os populares defenden que hai un problema coa concesión de licenzas. Dende o Grupo Municipal Popular xa se fixo público que os 90 días de prazo legal que marca a lei para a resolución dunha petición de licenza son unha “quimera” co Concello de Lugo xa que a media se sitúa nos 330 días na área urbana e nos 757 días nas parroquias do rural. 

Según os populares, esta situación está a provocar unha clara “paralización da economía” no municipio, xa que pese aos elevados atrasos na tramitación de licenzas, as que se aprobaron supuxeron un volume de negocio directo duns 30M€, polo que se preguntan en que situación económica podería estar Lugo “se a tramitación de licenzas se axilizase e se axustase aos prazos legais estipulados”.

Nestas xuntanzas, Ameijide explicou que se pedirá ao secretario municipal un informe sobre as novas funcións que a alcaldesa de Lugo asignou ao interventor en materia de urbanismo. “Queremos un pronunciamento técnico que clarifique se existen incompatibilidades coas novas atribucións que asumiu o interventor con respecto ás que ten como funcionario habilitado nacional”, afirmou.