Skip to main content
Lugo

Cidadáns presenta ao pleno un Plan de reciclaxe incentivado

Por 29 Abril, 2021Sin comentarios

A voceira municipal de Cs, Olga Louzao, anunciou na mañá de onte que o seu grupo propoñerá ao pleno un sistema de reciclaxe incentivado para inverter a preocupante tendencia do municipio nesta materia. “Galicia é a terceira comunidade autónoma na que se recolleron menos cantidade de residuos per cápita, pero a reutilización dos que se xeran non chega ao 20%. No caso particular de Lugo, é a segunda cidade galega que menos recicla; a media galega está cerca dos 40 quilogramos por habitante, e na nosa cidade non se chega ao 30%. Polo que aínda estamos moi lonxe de acadar o esixido pola Unión Europea”, apuntou.

“Un sistema de reciclaxe incentivado ben planificado axudaría de xeito considerable á diminución de residuos e a cumprir cos obxectivos propostos da recollida selectiva, colaborado positivamente co sector da xestión de residuos, obtendo así unhas mellores cifras na taxa de reciclaxe e tamén unha maior limpeza de rúas e espazos públicos”, considera a concelleira que espera que o Goberno local abandono a súa habitual posición negacionista para considerar unha proposta que só persegue o ben común e a calidade medioambiental do noso municipio.

Segundo datos do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, o 44% dos envases seguen sen chegar os vertedoiros, sobre todo, os das bebidas. E para o ano 2029, deberán recollerse ao menos o 90% das botellas en circulación. “Son moitas e variadas as iniciativas postas en marcha noutros países e tamén en cidades do noso país, coas que se amosa que incentivar por reciclar correctamente incrementa a porcentaxe de recuperación, obtendo niveis de reciclaxe moi por riba dos que temos na actualidade”, dixo.

“Non hai sociedade nin economía viable sen o respecto e o coidado do medio ambiente, polo que o papel activo das administracións locais é primordial. Un dos grandes obxectivos da economía circular é reducir ao máximo a xeración de residuos, o que implica modificar os hábitos e os comportamentos dos cidadáns. Os concellos deben investir esforzos en reducir o volume de residuos no seu entorno inmediato, contribuíndo así a protección da biodiversidade. Aspecto tamén fundamental para cumprir coa estratexia xeral europea respecto a que Lugo non pode quedarse atrás”, concluíu.