Skip to main content
Lugo

Lugo instala pictogramas para mellorar a mobilidade das persoas con TEA e TCS

Por 29 Abril, 2021Sin comentarios

O Concello de Lugo é pioneiro na instalación de pictogramas na cidade para mellorar a mobilidade das persoas con trastornos do espectro autista (TEA) e con trastornos de comunicación social (TCS).  

A alcaldesa, Lara Méndez, supervisou hoxe a instalación das primeiras placas con pictogramas que se instalarán en semáforos e pasos de peóns para axudar a comprensión das sinais  mediante debuxos. Estivo acompañada da concelleira de Benestar, Inclusión e Maiores, Olga  López, e representantes das asociacións Raiolas e Capaces.  

“Queremos mellorar o benestar destes colectivos especialmente vulnerables e aportarlles unha  maior seguridade na súa mobilidade ao cruzar as rúas, especialmente aos nenos e nenas”,  sostivo a rexedora, razón pola que as zonas elixidas para a colocación dos pictogramas son as  proximidades dos colexios e institutos públicos, así como nas áreas dos edificios universitarios,  as das asociacións que atenden a estes colectivos e os viarios con maior número de peóns,  como a Ronda da Muralla e Avenida da Coruña.  

En total, instalaranse preto de 300 placas homologadas, que amosarán como funciona o  semáforo dun paso de peóns e cando se pode cruzar ou non. “Pensados para aquelas zonas  de máis afluencia por estar preto dos centros escolares ou porque son zonas de máxima  afluencia como pode ser a Avenida da Coruña e facilitarán a mobilidade pola vía pública coa  finalidade de lograr unha mellor inclusión, convertendo as sinais en debuxos, que á súa vez se  transforman en ferramentas que mellorarán a comprensión, posto que se asocia a sinal cunha  acción determinada, cruzar de xeito seguro”, sostivo Lara Méndez.  

As placas incorporan imaxes cedidas, de maneira altruísta, por ARASAAC (Centro Aragonés  para la Comunicación Aumentativa y Alternativa). As mesmas serán de aluminio, con medidas  400 x 400 mm e de 2 mm de espesor, impresas con protección antiuva.  

A concellería de Benestar traballou man a man coas asociacións Raiolas e Capaces, dúas  asociacións que traballan co espectro autista en Lugo, “que nos falaron desta necesidade e  que nos facilitaron a súa posta en marcha, polo que temos que agradecerlles a súa enorme  colaboración”, avanzou a edil Olga López.  

O investimento municipal nesta iniciativa ascendeu a máis de 18.000 euros.