Skip to main content
Deportes LUGOXALugo

Presentado o coche co que competirá o equipo galego no campionato europeo de rally

Por 29 Abril, 2021Sin comentarios

Na mañá de onte presentouse na Praza de San Marcos o vehículo co que o equipo do piloto Luis Vilariño competirá no campionato europeo de rally, o FIA European Rally Championschip (ERC), a competición de automobilismo máis importante despois do mundial.

Será a primeira vez que un equipo galego afronte integramente o campionato, un proxecto deportivo que conta co apoio da área de Deportes da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

“Desde a Vicepresidencia da Deputación mantemos diferentes liñas de axuda ao automobilismo, co apoio a probas emblemáticas como o Rally San Froilán ou a creación do Rally da Mariña, as bolsas para pilotos ou o Volante Deputación, que permite aos pilotos noveis iniciarse neste deporte. Co apoio a este proxecto damos un paso máis e apoiamos a participación galega na competición máis importante despois do mundial”, explicou Efrén Castro. 

O deputado de Deportes destacou “a visibilidade que a competición dará ao automobilismo e ao deporte galego e lucense, grazas a súa retransmisión por Eurosports e ao impacto que o campionato ten nas redes sociais”. 

O piloto de Palas, que xa puxo a proba o Skoda Fabia R5 Evo 2  en carreiras do Supercampionato de España, participará nas oito probas do campionato europeo, en sete países: Portugal, Polonia, Letonia, Italia, República Checa, Hungría e España. A primeira cita será o vindeiro 18 de xuño en Polonia, tras a suspensión do Rally das Azores previsto para este mes de maio e adiado ao outono.

Luis Vilariño sinalou o “reto deportivo e loxístico” que supón acudir a estes eventos e agradeceu a colaboración da área de Deportes para afrontalo. “É un proxecto a dous anos. Neste primeiro, o obxectivo fundamental é coñecer todos os rallyes e, de cara ao ano que ven, intentaremos estar preto dos postos de cabeza nalgunha proba”, apuntou o piloto, que corre acompañado por Álex Noriega, con Óscar Vázquez como director de equipo e Óscar López como xefe de mecánicos.

Na presentación, na que tamén participaron  o presidente da DOP Arzúa Ulloa, Xose Luis Carrera, e o secretario xeral da CEL, Jaime López, como copatrocinadores do equipo.