Skip to main content
Lugo

Os obradoiros de XuvenCiencia chegan a 370 escolares

Por 29 Abril, 2021Sin comentarios

O colexio público Paradai de Lugo acolleu no día de hoxe a primeira parada dos obradoiros de divulgación científica organizados polo grupo de innovación docente do Campus de Lugo da USC XuvenCiencia ao abeiro do proxecto Ciencia no Camiño, incluído na convocatoria O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia. Con esta iniciativa, o equipo que coordina a profesora Mercedes Novo desenvolverá actividades formativas fundamentadas en propostas para o coñecemento da contorna e o desenvolvemento do territorio que chegarán a un total de 371 alumnos e alumnas de secundaria, primaria e infantil de municipios polos que descorren distintos Camiños de Santiago: Lugo, Guntín e A Fonsagrada (Camiño Primitivo), O Courel (variante do Camiño Francés e Camiño de Inverno) e Ribadavia (variante do Camiño dos Arrieiros).

Os obradoiros son impartidos por persoas investigadoras e estudantes de doutoramento do Campus de Lugo da USC e propoñen actividades adaptadas aos diferentes grupos e niveis educativos que van recibir a formación. Asemade, dado que a incardinación co territorio e as oportunidades de desenvolvemento sustentable constitúen os principais eixos, estes obradoiros XuvenCiencia abordan aspectos como a trazabilidade alimentaria, grazas ao kit DNA, que serve para determinar se unha carne é de porco ou de vitela a partir dunha técnica de laboratorio tan de actualidade como é a PCR. 

As actividades inclúen tamén propostas relacionadas coa educación alimentaria, como son un pasapalabra nutricional e experimentos arredor das proteínas do leite, sobre biodiversidade, cunha actividade da cadea trófica. Experimentos sobre o ADN de leguminosas coma o chícharo e proxectos máis tecnolóxicos baseados na fibra óptica completan a oferta dos obradoiros XuvenCiencia para Ciencia no Camiño, un programa que mañá se trasladará ao CPI Tino Grandío de Guntín, e no que do 3 ao 5 de maio poderán participar, respectivamente, alumnado do Ies Fontem Albei, de A Fonsagrada, Ies O Ribeiro, de Ribadavia, ou do CPI Uxío Novoneyra, en Folgoso do Courel.

A promoción da cultura científica e a innovación, tanto para a poboación escolar como para o público en xeral, a través dunha rede de educación e divulgación nos Camiños de Santiago, é o principal obxectivo do proxecto Ciencia no Camiño, unha iniciativa liderada pola Asociación Galega de Profesionais do Desenvolvemento Local (Afiprodel), na que, ademais de XuvenCiencia, tamén figuran como socios a Fundación Uxío Novoneyra e o Grupo de Estudos Territoriais da Universidade da Coruña (UdC).