Skip to main content
As NogaisO PáramoPantón

As Nogais, O Páramo e Pantón reciben maquinaria para a prevención de incendios

Por 6 Abril, 2021Sin comentarios

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural pola que se acorda a cesión en propiedade de tractores, rozadoiras de brazo e trituradoras suspendidas traseiras a varios concellos galegos.  Así, cédense un total de 39 pezas de maquinaria a 11 municipios das catro provincias, así como a dúas mancomunidades.

En concreto, a cada un dos beneficiarios -tanto os concellos como as mancomunidades- cederáselles un tractor, unha rozadoira e unha trituradora. Na provincia de Lugo, recibirán a maquinaria O Páramo, As Nogais e Pantón. Na Coruña, irán para as localidades de Lousame, Ordes e Padrón; en Pontevedra, para Arbo e Moraña; e en Ourense, para Monterrei, Rairiz de Veiga e Toén, así como mancomunidade intermunicipal voluntaria do Ribeiro e a mancomunidade voluntaria de concellos da comarca de Ourense.

O obxectivo da cesión é que os tractores, rozadoiras e trituradoras sexan empregados para levar a cabo labores de limpeza e mantemento dos camiños e estradas de titularidade municipal, así como tarefas de xestión da biomasa nas redes secundarias de faixas de ámbito municipal para protexer os núcleos de poboación delimitados nos Plans municipais de prevención e defensa contra os incendios forestais, máis aló das actuacións xa contempladas no marco do convenio de protección das aldeas, asinado entre o Goberno autonómico, a Fegamp e maila empresa pública Seaga.

Nesa mesma liña, outro dos eidos prioritarios de actuación debe ser o da prevención de incendios forestais. A maiores, a maquinaria poderá destinarse, a petición da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, a executar tarefas de limpeza e mantemento das parcelas non arrendadas que estean incorporadas ao Banco de Terras de Galicia.