Skip to main content
As Nogais

O Concello das Nogais e a asociación Abrente asinan un convenio para promover accións culturais no municipio

Por 10 Abril, 2021Sin comentarios

O alcalde e a presidenta de Abrente, na sinatura do convenio

O Concello das Nogais e a asociación cultural Abrente veñen de asinar un convenio co fin de reforzar a colaboración que xa viñan mantendo ao longo dos últimos anos.

O alcalde do municipio, Jesús Núñez, e a presidenta de Abrente, Fe Álvarez, coincidiron en amosar a súa satisfacción pola sinatura deste novo acordo de colaboración que abrangue a todas actividades culturais que se desenvolvan no territorio.

Tendo en conta que entre as competencias municipais se atopa a promoción da cultura e equipamentos culturais, e que a Asociación Abrente ten entre os seus fins o desenvolvemento de actividades culturais, as dúas entidades consideraron necesario establecer “un marco regulador para potenciar as sinerxías e establecer unha serie de medidas mínimas e actuacións de colaboración”.

Así, o obxecto do convenio que se vén de asinar é establecer as bases reguladoras que permitirán levar a cabo actividades como a creación do Festival Internacional da Vía Künig, a realización de actividades culturais diversas, a promoción do Concello das Nogais e da variante do Camiño Francés denominada Vía Künig, Camiño de Santiago por Lugo, a potenciación da colaboración público-privada e o apoio do rural “como xeito de vida”.

O convenio recolle tamén o compromiso do Concello das Nogais de seguir autorizando o uso das dependencias municipais utilizadas por Abrente nos últimos anos para as súas actividades de formación, actuacións e ensaios, entre outras.