Skip to main content
Outeiro de Rei LUGOXAOuteiro de Rei TERRACHÁXA

Comeza o proceso de concentración parcelaria en dúas parroquias de Outeiro

Por 8 Abril, 2021Abril 9th, 2021Sin comentarios

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe os decretos da Consellería do Medio Rural polos que se declaran de utilidade pública dúas novas reestruturacións parcelarias no concello lugués de Outeiro de Rei. Unha delas comprende as parroquias de Arcos, Sobrada  de Aguiar e San Lourenzo de Aguiar, mentres que a segunda afecta á parroquia de San Fiz de Paz.

Coa publicación destes decretos dáse inicio á fase de bases, que comprende a investigación da propiedade e a clasificación dos terreos. Entre ámbalas dúas concentracións, a Xunta reorganizará unha superficie de máis de 2000 hectáreas que beneficiarán uns 833 propietarios.

Neste senso, cabe sinalar que ambos procesos foron apoiados polo Concello e polos titulares das explotacións da zona. Falamos de dúas áreas nas que están rexistradas 125 granxas, a maior parte delas de vacún. De aí a necesidade de reorganizar o territorio para mellorar as condicións estruturais, técnicas e económicas das explotacións agrarias da zona. Deste xeito, as granxas verán ampliada a súa base territorial, o que redundará nunha diminución dos custos de produción.

Así, trátase dos dous primeiros decretos de reestruturación parcelaria que se decretan trala entrada en vigor en 2015 da Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga), que busca aumentar a base territorial das explotacións e reducir considerablemente os seus custos de produción.

Ademais, a Xunta seguirá impulsando estes procesos da man da futura Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que vén complementar e desenvolver o marco legal actual, para culminar un camiño iniciado pola Lei da Metaga. Así, na nova Lei apostarase ademais por mecanismos de mobilización voluntarios que permitan unha maior participación dos interesados na explotación das terras, como son os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta da terra, a iniciativa das aldeas modelo ou as permutas de especial interese agrario, entre outras. Desta forma, mellorarase a estrutura territorial das explotacións agrogandeiras e forestais galegas, favorecendo a súa rendibilidade.