Skip to main content
Pedrafita

Adxudicada a prestación básica dos servizos do CAM de Pedrafita por 641.600€

Por 23 Abril, 2021Abril 24th, 2021Sin comentarios

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, deu conta dos asuntos aprobados na Xunta de Goberno deste venres, na que se avanzaron novos pasos para abrir esta primavera o Centro de Atención a Maiores de Pedrafita do Cebreiro, coa adxudicación por 641.600€ do contrato de prestacións básicas. O contrato inclúe o servizo de cociña, limpeza e asistencia para o centro.

“Terá vixencia ata o 20 de xuño do 2022 e o levará a cabo a Fundación Camiña Social”, explicou Pablo Rivera, que lembrou que a Deputación rematou o mes pasado de dotar de equipamento a este centro de maiores. O CAM de Pedrafita contará con 30 prazas de residencia e 20 para o centro de día. Seguindo o modelo de xestión pública establecido entre a Deputación e os concellos, a veciñanza desta localidade da Montaña terán prioridade de acceso, logo os dos restantes municipios da comarca e, seguidamente, os lucenses en xeral.

Con respecto á apertura desta residencia –que se sumará ás de Pol, Trabada, Ribadeo, Castroverde e A Fonsagrada- “a nosa previsión é que esta dotación social comece a funcionar esta primavera”, subliñou o Deputado.