Skip to main content
Portomarín

Alumnos do obradoiro de emprego acondicionan espazos verdes en Portomarín

Por 10 Abril, 2021Sin comentarios

Arias comprobou o traballo dos alumnos do obradoiro de emprego en Portomarín

Oito alumnos do obradoiro de emprego Camiño de Santiago I están a traballar no acondicionamento de parques urbanos e zonas verdes de Portomarín. En concreto, durante estes días encárganse da posta a punto do parque Parabéns, onde se levan a cabo tarefas de limpeza e reposición de plantas no xardín vertical e na contorna.

O obradoiro  está promovido polos concellos de Palas de Rei, Monterroso e Portomarín, e financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade con 353.000 euros. Conta cun total de 20 alumnos traballadores, seis deles na especialidade de Promoción turística local e información ao visitante e o resto na de Instalacións e mantemento de xardíns e zonas verdes.

Os participantes van rotando polos distintos municipios, realizando labores relacionadas coas materias do obradoiro. Tras superar o período de aprendizaxe teórica e práctica, recibirán o certificado de profesionalidade oficial que os acredita para exercer o oficio en calquera parte do Estado.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, que comprobou a marcha dos traballos acompañado do tenente de alcalde de Portomarín, Pablo Rivas, subliñou que os obradoiros son “unha das ferramentas máis valoradas no marco das políticas de emprego”, dado que ofrecen aos participantes experiencia laboral a través dun contrato de traballo en profesións con boas perspectivas de empregabilidade, mentres que para os concellos promotores supoñen a posibilidade de acometer obras e servizos de interese social en beneficio da comunidade.

No caso de Portomarín, os labores máis complexos realízanse no xardín vertical de Parabéns, que se reforma en profundidade. Para elo foi preciso preparar o terreo, sobre o que se estendeu unha lona que se cubrirá cun tapiz vexetal e macetas con plantas de distintas cores. Na parte baixa constrúese un muro de contención de pedra e o remate superior elaborarase en madeira.

Ao mesmo tempo, os participantes comezaron tamén cos labores de limpeza e mantemento do parque Manuel de Blas, o de maior superficie, no que se actuará sobre as zonas axardinadas e  limparanse tamén os elementos de mobiliario urbano. Con posterioridade, realizarán intervencións similares nos xardíns das capelas de San Pedro e San Nicolás.

Pola súa banda, o módulo de promoción turística vai elaborar guías cos principais atractivos turísticos de cada un dos concellos participantes e actualizará a información turística en distintos formatos.

O delegado gabou a decisión dos tres concellos integrantes de centrar o obradoiro no embelecemento das zonas verdes e na promoción turística, “contribuíndo así a ofrecer a súa  mellor cara neste Xacobeo bianual”.