Skip to main content
Portomarín

Invisten 129.000 euros no acondicionamento de tres camiños en Portomarín

Por 15 Abril, 2021Sin comentarios

As obras nos camiños de acceso a Pardellas e O Vilar xa están rematadas

O Goberno autonómico inviste 129.000 euros no acondicionamento de tres camiños do municipio de Portomarín: os que dan acceso a Pardellas e O Vilar, xa reformados, e o que conecta Cabanas e San Xulián, que se executará proximamente. En total, suman 3,4 quilómetros de pistas.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou hoxe as actuacións rematadas en compañía do alcalde, Juan Serrano, e explicou que corresponden a senllos programas que xestiona a Consellería do Medio Rural para manter en bo estado as infraestruturas viarias “con fin de facilitar a mobilidade e as condicións de traballo no rural galego”.

En concreto, investíronse 48.200 do Plan de Infraestruturas Rurais (PIR) no arranxo de 1  quilómetro de pista no acceso a Pardellas. Pola súa banda, o Plan Marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas posibilitou a reforma do acceso ao Vilar, de 915 metros de lonxitude, e prevé a mellora de 1,5 quilómetros no camiño entre Cabanas e San Xulián nos vindeiros meses.

Todas as vías contan cun ancho entre 3 e 4 metros, e os traballos que se realizan consisten na regularización do firme e a posterior extensión e compactación dunha capa de cinco centímetros de espesor de mistura asfáltica en quente. Tamén se procede á limpeza das cunetas para mellorar a drenaxe lonxitudinal da vía.

Arias lembrou que o PIR e os plans Marco actualmente en vigor suman un investimento de 7.442.700 euros na provincia de Lugo. Polo que respecta ao segundo, participan todos os concellos da provincia; estase rematando co proceso de execución e xustificación das obras comprometidas na edición 2020-2021 e iniciando as novas contratacións.

En canto ao PIR, contempla doce actuacións que benefician a 15 municipios lucenses, todas elas xa contratadas e varias delas mesmo en execución.