Skip to main content
Portomarín

A Deputación envía o Estatuto de Autonomía ao alcalde de Portomarín

Por 25 Abril, 2021Sin comentarios

O presidente da Deputación, José Tomé Roca, cumpriu co seu compromiso de enviarlle un exemplar do Estatuto de Autonomía ao alcalde de Portomarín, Juan Serrano, logo de que neste curso escolar varias familias da localidade víranse prexudicadas pola falta dunha liña de autobus axeitada ás necesidades do estudantado. A Xunta de Galicia desdobrou as quendas de Secundaria para adaptarse aos protocolos da Covid-19, pero non adaptou o transporte, co consecuente trastorno para o alumnado. O rexedor propuxo entón que Concello e Deputación asumisen o gasto que lle correspondía ao goberno galego. Tomé amosouse disposto a facerlle chegar ao responsable local un exemplar do Estatuto, aproveitando o 40 aniversario da norma, para que comprobase que as competencias son da administración autonómica e remitiullo xunto cunha carta na que insiste en que é a Xunta a que ten que resolver o problema que creou.

Na misiva, Tomé insiste en que “ambos traballamos polo benestar dos nosos veciños e veciñas. E sempre resulta tentador aparecer como a varita máxica capaz de conxurar un taxi cando a Xunta non quere mandar o autobús. Pero se queremos de verdade defender aos veciños e veciñas, cómpre que reclamemos os orzamentos precisos para facelo. Que loitemos para que, despois de 40 anos de desenvolvemento do Estatuto, traballemos agora en garantir a autonomía local. Delimitando as competencias e asegurando unha achega de fondos suficientes aportados dun xeito claro, transparente e determinado por criterios obxectivos, alleos a calquera consideración partidista”.

O presidente explica que o presente, “feito dende a cordial discrepancia das nosas respectivas posicións políticas”, é para lembrarlle ao rexedor de Portomarín que “nestes 40 anos citamos moito o Estatuto, pero non o aplicamos sempre ben, especialmente no que fai aos concellos, porque a base do municipalismo moderno xa está neste texto, que marca con claridade as obrigas da administración autonómica e da local”. 

O Pleno provincial do mes de setembro aprobou unha moción do Goberno da Deputación para instar á administración galega a que adaptase o transporte público aos horarios do alumnado de Secundaria e o Presidente intercedeu ante a Xunta para que adaptase o transporte público logo de reunirse coas familias de Portomarín con fillos matriculados no IES Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo.