Skip to main content
Quiroga

Un espectáculo de animación de rúa “lembrará” o domingo a Feira do Viño de Quiroga

Por 1 Abril, 2021Decembro 13th, 2022Sin comentarios

A rúa Real de Quiroga acollerá o vindeiro domingo, día 4 de abril, o espectáculo infantil e familiar ‘O estraño caso do dentista da rúa Brasov’, a cargo de Troula Animación.

Esta actividade de animación de rúa enmárcase no programa ‘Lembranzas da Feira do Viño’ que o Concello puxo en  marcha para manter vivo o espírito deste festexo na que sería a súa data habitual de celebración, e logo de ter que suspendelo por segundo ano consecutivo por mor da covid. A previsión é que a Feira do Viño de Quiroga se celebre desta volta na fin de semana do 24 e 25 de xullo, se as circunstancias o permiten.

No espectáculo do domingo, Troula Animación combinará maxia, humor e interacción co público para achegar aos espectadores a historia dun dentista de Europa do Leste, o doutor Krakmhu Elah, que percorre co seu carromato vilas e cidades buscando clientes para a súa pequena consulta ambulante. Pero o que ninguén sabe é o seu estraño pasado e a súa rara obsesión, que pouco a pouco se irá descubrindo a través de xiros inesperados.

A actividade desenvolverase a partires das 18:00 horas pola Rúa Real.

’40 ANOS DA FEIRA DO VIÑO’

Durante estes días segue ademais aberta a exposición ’40 anos da Feira do Viño de Quiroga’, unha das actividades centrais do programa de lembranza.

Na mostra pódense ver preto de medio milleiro de botellas dos caldos que acudiron aos pasados certames, así como os distintos carteis anunciadores da feira ao longo das últimas catro décadas.

Esta exposición, como explicou o alcalde na súa inauguración, serve para “coñecer e recoñecer aos colleiteiros e demais persoas que contribuíron a que a Feira do Viño de Quiroga sexa un referente entre os certames vitivinícolas de Galicia, o mellor escaparate de promoción do noso municipio e unha data sinalada na axenda dos quirogueses e visitantes para a xuntanza e a festa con amigos e familiares”.

’40 anos da Feira do Viño de Quiroga’ está instalada na entrada do Auditorio Municipal quirogués e pódese visitar durante toda a Semana Santa.

O mesmo recinto acollerá tamén mañá, venres 2 de abril ás 12.30 horas, un acto co que o Concello de Quiroga quere lembrar aos colleiteiros da zona xa falecidos.

Doutra banda, o 3 de abril haberá unha alborada, a partires das 12.30 horas, a cargo do grupo de gaitas O Recanto, e pola tarde actuará nas rúas da localidade a charanga BB+. O domingo día 4, ás 13.00 horas, farase a entrega dos premios do concurso municipal de debuxo infantil dedicado á Feira do Viño e, a continuación, haberá unha actuación da banda de música Val Miñor. A programación rematará ás 18.00 horas co espectáculo de animación de rúa, a cargo de Troula Animación.