Skip to main content
Monforte

Tarabela Creativa recreará o quefacer das costureiras o venres en Monforte

Por 13 Abril, 2021Decembro 13th, 2022Sin comentarios

O Ateneo Casino de Monforte acollerá o vindeiro venres 16, a partir das 20.00 horas, a representación de ‘Costureiras’ do grupo Tarabela Creativa.

‘Costureiras’ é unha función de narración oral a dúas bandas entre unha abadinesa afincada en Compostela e un cervense afincado na Coruña. Unha conversa desnortada de dous norteños: Ángeles Goás e Felipe Díaz (Caxoto).

Dende as lembranzas da infancia, dende as historias recollidas, dende a mirada actual da narración oral… estes dous narradores comezan unha viaxe onde os contos se preguntan e responden a si mesmos. A vida das costureiras era a vida de mulleres en casas alleas mentres levaban acabo a súa laboura. Era a vida nos camiños dunha casa á outra. Enriba das súas cabezas carregaban a máquina de coser e debaixo da máquina, mil cousas que pensar… mil cousas que contar. Un diálogo entre dous namorados da palabra contada e o público onde o tempo pasa sen deixarse sentir…. entre puntada e puntada, cosendo un espectáculo. En ‘Costureiras’ Ángeles Goás e Caxoto Díaz fían unha historia con outra.

A entrada é de balde, e as persoas interesadas en asistir deben reservar a súa praza chamando ao teléfono 648 435 033.