Skip to main content
Monforte

A empresa que xestiona o Centro do Viño recurriu as bases do concurso municipal

Por 14 Abril, 2021Abril 18th, 2021Sin comentarios

A empresa que ten prorrogada a concesión do Centro do Viño da Ribeira Sacra presentou un recurso contra as bases do concurso convocado polo Concello de Monforte para a xestión dos centros relacionados co turismo no municipio.

Así o aseguraron este mércores fontes do PP monfortino, quenes engaden ademais que ao concurso municipal unicamente se presentou unha oferta. “Como nos temiamos, a licitación, con tan pouco orzamento, non interesou ás empresas como o demostra o feito de que só se presentase unha, Nova Santiago UTE”, asegura a voceira popular, Katy Varela.

Varela lembra que o seu grupo xa criticara no seu día que se licitase nun mesmo lote a atención ao Centro do Viño, a Oficina de Turismo, ás visitas á Torre da Homenaxe e a Oficina do Peregrino, e consideraban ademais que o orzamento de licitación era moi baixo. Di que no PP tiñan coñecemento de que “moitas empresas” estaban interesadas en participar pero renunciaron “á vista das condicións do concurso”.

Un dos argumentos do recurso presentado pola actual empresa contra as bases do concurso radica, segundo a edil popular, en que non se prevé a subrogación dos traballadores, “pese a que está recollida como obrigatoria no convenio”. Indica, neste senso, que “podería haber” unha vulneración do artigo 130 da lei de contratos del sector público. Tamén se destaca que o importe do orzamento non é suficiente para cubrir os gastos.

“Preocúpanos moito a situación dos traballadores, un problema especialmente chamativo nun municipio no que o alcalde foi sindicalista. Estamos diante dun concurso que pode ser impugnado e iso pode ter consecuencias serias para os intereses da cidade”, remata Varela.