Skip to main content
Comarca RIBEIRASACRAXA

A Xunta somete a información pública o plan de acción da paisaxe na Ribeira Sacra

Por 23 Abril, 2021Sin comentarios

A Xunta de Galicia somete a información pública o futuro Plan de acción da paisaxe na Ribeira Sacra co fin de seguir avanzando de cara á súa aprobación e posterior posta en práctica. Durante os próximos dous meses, todas as entidades interesadas e a cidadanía en xeral poderán presentar as alegacións que consideren oportunas para modificar ou enriquecer o documento, que previsiblemente será aprobado pola Xunta de forma definitiva este mesmo verán.

Unha vez superada a participación pública e despois de que se publique no DOG o texto final, iniciarase a tramitación do correspondente convenio entre o Instituto de Estudos do Territorio (IET), a Axencia de Infraestruturas de Galicia, o Consorcio Turismo Ribeira Sacra e as Deputacións de Lugo e de Ourense para poder executar o devandito plan.

Este documento enmárcase dentro do Plan de acción estratéxico para a Ribeira Sacra, impulsado no ano 2019 pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda co fin de promover un total de 10 actuacións ambientais e de ordenación do medio físico cun orzamento de 3,5 millóns de euros para mellorar e poñer en valor este territorio, reforzando así a súa dobre candidatura a Reserva da Biosfera e Patrimonio Mundial ante a Unesco.

Cómpre lembrar que o regulamento da Lei de protección da paisaxe de Galicia establece que lle corresponde ao Instituto de Estudos do Territorio, organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a coordinación, a dirección e, de ser o caso, a realización dos traballos de redacción deste tipo de instrumentos.

No caso do Plan de acción da paisaxe na Ribeira Sacra, o IET propuxo esta ferramenta como unha importante actuación coa que promover a protección e mellora paisaxística deste espazo natural. Un obxectivo compartido, ademais, co Pacto pola paisaxe na Ribeira Sacra, que se está a executar desde o ano pasado ao abeiro dun convenio de colaboración entre o IET, o Consorcio Turismo Ribeira Sacra e a Federación Galega de Municipios e Provincias.

Así mesmo, o Plan de acción da paisaxe a desenvolver discorre polo territorio de dous itinerarios de interese paisaxístico con valores panorámicos localizados maioritariamente na Ribeira Sacra: o de Chantada-Ponte Nova dos Peares, e o de Monforte de Lemos-Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil (no tramo que conecta Cristosende co propio mosteiro).

Co fin de facilitar a execución das accións previstas no devandito plan, a Xunta achegará durante o prazo de vixencia do convenio un total de 130.000 euros -o 100% do investimento previsto-, co seguinte reparto anual: 66.500 euros este ano e outros 66.500 euros en 2022.