Skip to main content
Chantada

Asociacións ecoloxistas denuncian a desaparición de niños de cegoña en Chantada

Por 3 Abril, 2021Sin comentarios

As asociacións ecoloxistas Amigos das Cegoñas e Ecoloxistas en Acción censaron o ano pasado un total de 46 niños de cegoña branca no concello de Chantada. Deses niños, un 78% atopábase en torres do tendido eléctrico e ao redor dun 1% sobre tellados de vivendas do centro urbano da localidade.

Segundo as dúas organizacións, xa durante a realización do censo de 2020 detectaron a colocación de diversos dispositivos nos tellados, co fin de evitar a nidificación desta especie protexida. Comezado o censo deste ano 2021, aseguran que desde a primeira visita constataron o incremento deses “dispositivos anti-cegoñas” non homologados de construción caseira, moi perigosos a simple vista, e cren que algún mesmo podería estar electrificado.

Amigos das Cegoñas e Ecoloxistas en Acción alertan de que este tipo de dispositivos anti-cegoñas carece de homologación e poden resultar lesivos e mesmos mortais tanto para as cegoñas brancas como para outras aves. Por iso, veñen de denunciar a súa proliferación así como a desaparición dalgún dos niños localizados na pasada tempada. Aseguran que os artefactos son ilegais e que a súa colocación, como a retirada de niños sen permiso, pode ser constitutivo de delito, polo que instan ás autoridades a intervir.

Un dos dispositivos detectados

As asociacións ecoloxistas animan á sociedade chantadina, ao Concello de Chantada e ao resto de autoridades a “avogar pola convivencia pacífica coas cegoñas” e a requirir axuda especializada no caso de ter problemas graves con algún dos niños, unha cuestión para a que se poñen ” a disposición de quen o precise”.

Amigos das Cegoñas e Ecoloxistas en Acción agardan que a presente tempada de reprodución das cegoñas acade o éxito da anterior, cando 112 polos de cegoña voaron con éxito desde os niños situados na zona de Chantada, cunhas niñadas de entre 4 e 5  polos por niño, o que indica, din, “a riqueza do hábitat que circunda a vila”.