Skip to main content
ChantadaMonforteRibas de Sil

A Deputación achega esta semana propostas culturais aos centros educativos do sur da provincia

Por 6 Abril, 2021Sin comentarios

Centros de ensino do sur da provincia acollerán ao longo desta semana diversas actividades promovidas pola área de Cultura da Deputación en colaboración cos concellos. A programación chegará, desta volta, a Monforte, Ribas de Sil e Chantada.

Así, o IES A Pinguela, de Monforte, acollerá mañá mércores 7 de abril un coloquio titulado ‘O proceso creativo na ilustración’ a cargo da ilustradora e debuxante de cómic Bea Lema. A actividade forma parte do programa ‘ilustraNÓS’, que se puxo en marcha o pasado mes de xaneiro, coincidindo co Día da Ilustración, e que pretende ampliar o coñecemento desta expresión artística, das súas técnicas e creadores e fomentar a creatividade.

O xoves, día 8, a programación chega ao CEIP San Clodio, en Ribas de Sil, onde a narradora Antía Vázquez protagonizará unha sesión de contacontos dirixida ao alumnado do centro, na que recreará a historia da Apalpadora, unha personaxe do Nadal que atrasou a súa chegada ata a primavera.

E ao día seguinte, venres 9, Concepto Circo pintará un mural en homenaxe a Rosalía de Castro no IES Lama das Quendas de Chantada.