Skip to main content
Chantada

Chantada lembra a obriga de limpar de maleza as fincas próximas a vivendas

Por 12 Abril, 2021Sin comentarios

O goberno local de Chantada vén de emitir un bando para lembrar aos propietarios de parcelas situadas en solo urbano, urbanizable ou núcleo rural a obriga de mantelas “nun estado axeitado de limpeza e coa masa vexetal desbrozada” antes do día 31 de maio. A partir do 1 de xuño, o Concello comezará a campaña de vixiancia e inspección para comprobar o “cumprimento efectivo” desta lei que, en caso contrario, conlevará sancións para os titulares das fincas.

O alcalde chantadino, Manuel Varela, lembra no bando que deben estar limpas de maleza as parcelas que se atopen dentro dunha franxa perimetral de 50 metros ao solo urbano, urbanizable delimitado ou núcleo rural, así como ao redor de edificacións, vivendas illadas e urbanizacións, depósitos de lixo, parques e instalacións industriais, situadas a menos de 400 metros do monte.

De igual xeito, no interior do núcleo de poboación e na totalidade da franxa de protección de 50 metros desde a liña que delimita urbanísticamente os núcleos, non poderá haber as especies sinaladas na disposición adicional terceira da Lei 3/2007 de prevención de incendios forestais, como son piñeiros, eucaliptos, toxos, mimosas, silvas ou fentos.

Lembran que o incumprimento destas obrigas, transcorridos os prazos correspondentes, determinará a incoación do correspondente expediente sancionador. O Concello explica ademais que a administración pode repercutir os gastos da extinción dun incendio ás persoas responsables de non cumprir coa obriga de limpeza e xestión da biomasa vexetal e polo incumprimento das distancias mínimas.

O rexedor apela á colaboración de todos os veciños e veciñas de Chantada para que as parcelas situadas dentro das franxas de protección estean “limpas de maleza e desbrozadas” antes do día 31 de maio.