Skip to main content
Folgoso do Courel

Controlado un incendio no Courel, que arrasou 280 hectáreas

Por 1 Abril, 2021Abril 3rd, 2021Sin comentarios

O lume no Courel quedou controlado na tarde deste xoves

A Consellería do Medio Rural deu conta de varios incendios forestais rexistrados durante a primeira xornada de abril, o máis importante o que afecta ao concello de Folgoso do Courel. Este lume deuse por controlado ao redor das 20.00 horas deste xoves despois de queimar preto de 280 hectáreas.

O Goberno autonómico decidía a primeira hora activar o nivel 2 pola proximidade das lapas ao lugar de Portela, na parroquia de Gundriz, en Samos, se ben o nivel foi desactivado unhas horas despois ao descartarse o perigo para núcleos de poboación.

O lume comezou sobre as 00:45 horas da madrugada do xoves na parroquia de Meiraos, en Folgoso do Courel, e quedou controlado sobre as 20.00 horas. Segundo as últimas estimacións, a superficie afectada é dunhas 280 hectáreas. No lugar traballan 22 brigadas, 6 helicópteros, 4 avións, 10 motobombas, 8 axentes e unha pa.

MONFORTE

Tamén este xoves, pouco antes das 19.00 horas, quedaba ademais extinguido outro lume rexistrado na parroquia de Marcelle, en Monforte. Este incendio iniciárase a primeira hora da tarde do mércores e, tras a última medición, a superficie afectada sitúase en 38 hectáreas, das cales 30 foron arboradas e 8 de monte raso.

Na extinción deste lume participaron 15 brigadas, 7 motobombas, 1 pa, 7 helicópteros e 4 avións.

Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de Twitter: @incendios085.