Skip to main content
Monforte

Concello e Paradores colaborarán na recuperación da Muralla Medieval de Monforte

Por 12 Abril, 2021Abril 14th, 2021Sin comentarios

O presidente de Paradores de España e o alcalde de Monforte, na xuntanza deste luns

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, e o presidente de Paradores de España, Óscar López, mantiveron hoxe unha xuntanza de traballo na que acordaron levar a cabo a posta en marcha de accións conxuntas de promoción e mellora, coa finalidade de impulsar a recuperación da Muralla Medieval de San Vicente e establecer estratexias de promoción turística de Monforte, a través do papel que o Parador de Turismo pode xogar nelas.

A reunión serviu, según explicou o rexedor monfortino, “para analizar a situación do Parador e do seu entorno, dentro do conxunto de San Vicente. Dende o Concello procuramos poñer en valor todos aqueles elementos que poidan darlle unha promoción turística a Monforte, e o Parador é un elemento de primeira calidade que nos pode proxectar dentro da rede de Paradores no conxunto do Estado”.

En relación co proxecto de recuperación da Muralla Medieval, José Tomé incidiu en que dende o Concello se está a traballar xa para poder iniciar os traballos previos que poidan supor o inicio da recuperación da Muralla e da contorna de San Vicente, “dado que a recente aprobación do Plan Especial do Casco Histórico permite contar cunha ferramenta esencial para iniciar actuacións de mellora no casco histórico monfortino”.

Neste senso, subliñou que “o que queremos é buscar unha solución de conxunto, independentemente de quen sexa o propietario de determinados tramos da Muralla, para recupera un ben de interese cultural que temos na ladeira que rodea ó conxunto histórico de San Vicente, e no que se atopa o Parador Nacional de Turismo”.

Pola súa banda, o presidente de Paradores destacou o dobre obxectivo establecido trala reunión co alcalde, de recuperación da Muralla monfortina e de promocionar, a través do Parador, as posibilidades turísticas de Monforte e da Ribeira Sacra.

“É necesario poñer dacordo a todo o mundo para sacar adiante o proxecto de recuperación da Muralla de Monforte”, destacou Óscar López. Neste senso, informou das súas conversas con Turespaña, previas á reunión de hoxe na localidade monfortina, salientando que “Turespaña e Paradores teñen toda a vontade de elaborar proxectos de promoción turística para Monforte e de colaborar para a rehabilitación da súa Muralla, dada a súa importancia histórica e o seu valor que como recurso turístico pode supoñer”.

O presidente de Paradores referiuse tamén ás cifras que demostran o “bo funcionamento” do Parador de Monforte. Así, en 2019, o Parador facturou 1,4 millóns de euros e tivo un índice de ocupación medio, durante as fins de semana do ano, do 71%, e do 51% de media anual. Así mesmo, mostra do bo facer do Parador, dixo, foi que o 21% dos clientes en 2019 foron estranxeiros, o cal supón unha moi importante promoción fóra das fronteiras de España.

Óscar López ratificou o seu compromiso co Parador monfortino para seguir impulsándoo e posicionándoo dentro dos circuitos de turismo, nacionais e internacionais.