Skip to main content
Monforte

Denuncian a colocación de artefactos “anticegoñas” en tellados de Monforte

Por 14 Abril, 2021Sin comentarios

Se fai unhas semanas Amigos das Cegoñas e Ecoloxistas en Acción denunciaban a desaparición de varios niños e a colocación de diversos artefactos anticegoñas en Chantada, agora ambas organizacións acaban de constatar unha situación moi similar en Monforte de Lemos.

Segundo sinalan estas organizacións ecoloxistas, Monforte conta cunha colonia de cegoñas brancas que vén de ser censada “constatando o seu lento pero constante crecemento”. Segundo explican, esta colonia aniña principalmente na estación de ferrocarril da localidade, sobre as catenarias do tren, pero unha minoría faino nos tellados de vivendas aledañas. Sería precisamente nos tellados desas casas próximas á estación onde se atopan os artefactos anticegoñas que agora denuncian estes colectivos.

Amigos das Cegoñas e Ecoloxistas en Acción lembran que xa o pasado ano denunciaron a colocación de artefactos electrificados nos tellados con niños de cegoña, que tiveron que ser retirados, “pero parece que algúns veciños reinciden nesta práctica ilegal e moi perigosa tanto para a cegoña, ave protexida, como para calquera outro paxaro”, din.

“Facemos un chamamento á veciñanza monfortina para que, con empatía e sentido común, trate de convivir pacificamente coas cegoñas, e desista da utilización de trevellos non homologados que poden resultar moi perigosos, tanto para as cegoñas como para o resto da fauna”, reclama Nancy Blanco, voceira de Amigos das Cegoñas.

Un dos artefactos detectados nos tellados