Skip to main content
Monforte

Os hostaleiros de Monforte poden solicitar dende mañá as axudas de 2.000 euros do Concello

Por 14 Abril, 2021Sin comentarios

As empresas de hostalería de Monforte poderán solicitar dende mañá xoves, e ata o venres 14 de maio, as axudas enmarcadas no 2º Plan Reactiva para a Hostalería de Monforte, do que hoxe se publican as bases no Boletín Oficial da Provincia. Trátase dunha liña de axudas directas, dotada cun total de 200.000 euros, ás que poden optar todos os negocios de hostalería con domicilio fiscal no municipio e que estiveran abertos ao público antes do día 1 de xaneiro deste ano.

Os titulares de establecementos de hostalería que resulten beneficiarios destas axudas recibirán unha contía fixa de 2.000 euros. “Segundo os datos municipais, en Monforte hai 98 establecementos hostaleiros, polo que no caso de que solicitaran todos as axudas, o gasto total sería de 196.000 euros, por iso establecemos a partida en 200.000 euros”, explicaba o alcalde, José Tomé, na presentación do plan.

O prazo de presentación de solicitudes é de trinta días naturais, é dicir, dende mañá xoves 15 de abril ata o venres 14 de maio, ambos incluídos.

O  solicitante da axuda, non deberá ter débeda ningunha pendente co Concello de Monforte, un requisito que se verificará de oficio. Con todo, a axuda poderá solicitarse igualmente, e irá destinada a compensar ou reducir a débeda que o titular do negocio hostaleiro teña coa administración local, podendo recibir a diferencia se a cantidade debida fose inferior á axuda concedida.

As solicitudes deben dirixirse á Área de Promoción Económica e Desenvolvemento Local do Concello de Monforte, podendo presentarse a través da sede electrónica do Concello ou de forma presencial no Rexistro Xeral, incluíndo o correspondente modelo de solicitude normalizado así como toda a documentación que require a convocatoria.

A concesión da subvención efectuarase en réxime de concorrencia non  competitiva e a resolución das axudas realizarase por rigorosa orde de entrada. O prazo máximo para resolver e notificar a concesión da axuda será de tres meses a contar dende o día seguinte á finalización do prazo de presentación das solicitudes.

O obxectivo destas axudas é contribuír con aqueles negocios cuxa actividade se viu afectada pola obriga de peche temporal establecida na Orde do 26 de xaneiro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do covid-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.