Skip to main content
Taboada

Os empresarios de Taboada reclaman a ampliación do horario da oficina de Correos

Por 9 Abril, 2021Abril 13th, 2021Sin comentarios

A Asociación de Comerciantes e Industriais de Taboada (Acimta) vén de remitir un escrito a Correos para solicitar a ampliación do horario da oficina local do servizo. Trátase dunha oficina auxiliar, que depende da oficina técnica de Chantada, e que abre en horario de 8.30 a 10.30 horas de luns a venres.

“Consideramos que é un horario insuficiente no que en moitas ocasións as persoas que traballan, a esas horas, non poden xestionar calquera trámite necesario na oficina”. Aseguran que esta situación fai que moitos veciños e veciñas de Taboada se vexan na obriga de ir a oficinas doutros municipios “orixinando unha situación de desvantaxe competitiva e xerando un efecto moi negativo na economía do pobo”.

A asociación de comerciantes e industriais quéixase ademais de que a oficina de Taboada non dispón de ordenadores para a xestión de envíos. “A día de hoxe é imposible aboar unha multa ou pagar un recibo en efectivo, non se poden facer xiros ao estranxeiro, nin emiten facturas polo que se paga”, din. Ao seu entender, estas dificultades “poderían ser facilmente arranxadas coas innovacións tecnolóxicas de hoxe en día”.

Desde Acimta estiman que no concello “existe un tecido empresarial que necesita dun servizo postal universal de calidade e adaptado ás nosas necesidades”.  Neste senso, lembran que Taboada rexistra un 1,22% de crecemento positivo no indicador comarcal da taxa de crecemento empresarial segundo os últimos datos do Instituto Galego de Estatística. “Se a este dato lle sumamos a máis que probable posta en marcha neste ano do parque empresarial de Taboada, temos dúas razóns de peso máis para poder contar cunha ampliación e mellora de servizos na nosa vila”, engaden.

No escrito remitido a Correos, a asociación solicita a “apertura continua durante toda a mañá e algún día pola tarde” da oficina local así como que se dote “de materiais informáticos que apoien as necesidades da nosa vila”.