Skip to main content
Taboada

O PSOE demanda potenciar o turismo de Taboada

Por 30 Abril, 2021Maio 2nd, 2021Sin comentarios

O Voceiro do PSOE de Taboada, Roi Rigueira avanzou hoxe que a Agrupación Socialista defendeu dúas mocións no pleno ordinario que foron aprobadas por unanimidade. “Concretamente defendemos unha proposta para potenciar o turismo na vila, e outra iniciativa para que o noso Concello sexa candidato aos fondos europeos Next Generation de emprendemento rural”.

“Dende a Agrupación Socialista de Taboada estamos convencidos que o noso Concello ten futuro, por iso queremos ser participes dos proxectos que se están impulsando dende tódalas administracións, para que poidan contribuír a atopar viabilidade e de progreso na nosa vila, máxime nunha situación tan excepcional como a que estamos vivindo”, remarcou Rigueira.

No que se refire á moción sobre o turismo, “demandamos unha solución aos problemas existentes coa titularidade, uso e adxudicación do complexo náutico e do albergue de Ponte Mourulle, así como da súa praia fluvial. Solicitamos a limpeza e a promoción das rutas xa marcadas pola Xunta de Galicia; estudo, elaboración e marcado de rutas de sendeirismo na contorna do club náutico, así como noutras zonas do concello. Tamén un estudo da situación do Camiño Santo, e reclamación do seu paso polo noso Concello. E por último unha campaña de publicidade e potenciación dos recursos turísticos do noso concello, así como o adecentamento dos miradoiros xa existentes, así como a creación doutros, integrándoos na rede de miradoiros da Ribeira Sacra”.

O Voceiro sinala que “a moción foi aprobada por unanimidade, e resúltanos moi curioso que xusto ao día seguinte da celebración do pleno o Concello anuncie obras e melloras nos accesos ao Penedo do Cuco, construción dun miradoiro, así como o equipamento para o Clube Náutico. Por iso, insistimos, vamos a seguir pelexando para colocar o noso Concello onde lle corresponde”, dixo.

Next Generation

Sobre a moción dos fondos europeos Next Generation que teñen como obxectivo a reactivación da economía post pandemia, e están destinados a potenciar o rural e a promocionar novas alternativas económicas e empresariais que permitan a fixación de poboación e a creación de emprego no rural . “Instamos ao Concello a presentar ante a Xunta de Galicia a candidatura de Taboada para ser un dos 12 centros de emprendemento rural. Queremos vivir e traballar no rural, e por iso que queremos instar a cantas institucións sexan necesarias para atopar financiamento para proxectos de futuro na nosa vila, por iso xa anunciamos que estaremos vixiantes”, argumentou.

Rogos e preguntas

No transcurso da sesión plenaria aprobouse, só cos votos a favor do equipo de goberno, o expediente de Inventario de Camiños Municipais do Concello. Dende a Agrupación Socialista de Taboada tamén reclamamos o arranxo dunha pista que baixa ás ribeiras na parroquia de Xián, “por atoparse en tan lamentable estado que supón un grave perigo para a xente o feito de ir aos seus viñedos”. 

Os socialistas interésanse pola saída a concurso do bar da Casa de Cultura e do Clube Náutico, “informóusenos de que van saír a concurso ambas instalacións xuntas, aínda que nós cremos que para o caso particular do Clube Náutico xa se vai tarde”. Con respecto á unha moción presentada polo grupo socialista sobre a situación do edificio da antiga Cámara Agraria fai meses, “explicounos que a Xunta (propietaria do edificio) a única opción que plantexa era a compra por parte do concello, por un importe que a nós nos parece razoable, e a pagar en 10 anos. Consideramos que este edificio, actualmente en desuso e en mal estado, podería ter unha importancia capital para a realización de moitas actividades”. 

Tamén se informou dunha subvención da Consellería de Medio Ambiente para arranxar a Rúa Conde de Taboada (a que vai ao CPI San Tomé do Carballo), “algo que vimos reclamando nós con moita insistencia, e para o que presentamos unha moción no pasado pleno de febreiro”, sinalan.

Reunión con ACIMTA

Nesta sesión plenaria ordinaria tamén fixeron referencia a situación do parque empresarial, “é un espazo de vital importancia para o futuro desenrolo do Concello, para atraer investimento e crear emprego na nosa vila. Por iso queremos anunciar que imos traballar para que este parque empresarial teña futuro e sexa unha realidade, aínda que a súa posta en valor chega moi tarde”.

Por iso queremos avanzar que “xa mantivemos unha xuntanza de traballo con  ACIMTA (Asociación de Comerciantes e Industriais do Municipio de Taboada), na que tamén participou a nosa Secretaria Provincial e Deputada Autonómica, Patricia Otero, e que serviu para abordar diversos temas que contribuirán a mellorar o desenrolo comercial e industrial do concello de Taboada”.