Skip to main content
Cultura SARRIAXASarria

Últimos días da mostra ‘Mulheres’ en Sarria

Por 5 Abril, 2021Sin comentarios

A exposición fotográfica ‘Mulheres’ de Mercedes Vázquez Saavedra pódese ver ata o vindeiro venres, día 9 de abril, na Antiga Prisión Preventiva de Sarria.

A escritora e fotógrafa nacida no municipio converte neste traballo en protagonistas a mulleres do mundo rural mediante retratos tomados en aldeas galegas e do norte de Portugal.

A través de 90 fotografías, ‘Mulheres’ amosa o resultado da investigación feita por Mercedes Vázquez ao redor das mulleres arrainas, comezando polas aldeas da ‘raia’ galaico-portuguesa. O traballo da autora vai máis alá da simple imaxe, xa que capta en retratos o testemuño transmitido en conversas e convivencias con estas mulleres, algunhas case centenarias.

En palabras da propia autora, “as mulleres da ‘raia’ son moi fortes, moi traballadoras, que foron pais e nais, cando os homes se foron, elas cuidaron do gando e da terra, das casas e dos fillos, e participaron nos negocios típicos das fronteiras”.

As persoas interesadas en ver esta exposición teñen a oportunidade de facelo ao longo desta semana, en horario de 10.30 a 13.30 horas. En caso de non poder asistir neses horarios, pódese concertar visita para outra hora chamando aos teléfonos 982 535 000 ou 982 530 668.