Skip to main content
Comarca SARRIAXACultura SARRIAXA

Entrevista. “O bo do deporte de montaña é que se adapta ás distintas condicións de clima e orografía”

Por 11 Abril, 2021Febreiro 13th, 2023Sin comentarios

Unha das actividades organizadas polo club na canteira de Buxán

A antiga canteira situada na parroquia de Santa Cristina de Viso, no concello do Incio, na que apareceron nos anos 60 os únicos restos fósiles de mamut descubertos en Galicia, dá nome ao club de montaña Buxán, un colectivo creado fai tres anos e do que forman parte xa ao redor de oitenta afeccionados ao montañismo. Os integrantes do club, que preside Álex Villa, din basear os seus pensamentos e actuacións no ‘enxebrismo’ e o gusto pola escalada.

Que implica ser montañeiro?

Ser montañeiro é vivir e disfrutar da montaña e da contorna que a rodea. Todo o mundo pode ser montañeiro, agás aqueles que van escalar simplemente para subir fotografías ás redes sociais.

Como e cando nace o Club de Montaña Buxán?

O club de montaña nace fai tres anos, pola teima dun grupo de amigos de plantexar proxectos que a nivel individual nunca poderiamos levar a cabo.

Por que Buxán?

Chamámonos Buxán porque as nosas mentes non foron capaces de pensar un nome máis orixinal para o club, así que decidimos nomealo como o lugar que nos viu nacer na escalada e que é a nosa escola nai e predilecta, situada no Incio.

Cantos socios ten o club a día de hoxe?

Ten ao redor de oitenta socios e socias. A verdade é que cada ano vai aumentando o número, e iso que cando comezamos pensabamos que non iamos chegar nin ao número mínimo de federados.

En que zonas da provincia practicades o montañismo?

Realmente, onde nos deixan, porque agardamos que a Consellería de Medio Ambiente comece a regular o deporte de montaña no canto de prohibir a súa práctica.

Que ofrece a provincia para a práctica desta modalidade deportiva? 

O bo do deporte de montaña é a súa adaptabilidade ás diferentes condicións climáticas e orográficas, dende o deporte invernal nas múltiples serras con máis altitude, ata o barraquismo e a escalada para as épocas de bo tempo, sendo ademais esta unha das poucas zonas de caliza do país. Por riba hai multitude de covas na nosa provincia, e a climatoloxía varía pouco no seu interior.

Que actividades levades a cabo desde o club ao longo do ano?

Organizamos unha gran variedade de saídas de montaña en distintas disciplinas para os nosos socios, aínda que a nosa principal actividade é o ‘Cumvieiros’, o encontro de escaladores tropicais de Buxán, que adoitamos celebrar no verán e onde nos xuntamos un bo número de afeccionados á escalada da provincia e de fóra dela, disfrutando dun maravilloso día de escalada aderezado de ritmos tropicais e gastronomía local. Este ano tentaremos levar a cabo esta festa se nolo permite o virus vixente.

O ano pasado organizastes o primeiro curso de autorrescate… 

Si, tivemos a necesidade de organizar un curso de autorrescate vendo o panorama dos nosos socios, xa sabes, unha cuestión de seguridade… Tivo boa acollida e a nosa idea é seguir nesta liña de formación.

Como está a afectar a pandemia da covid ao club?

Pois como a todo o mundo, suponnos unha limitación enorme á hora de organizar actividades, ademais de ter que facer uso das máscaras sanitarias, controlar as distancias, o número de persoas….

Coa actual situación, notades que aumentou o número de afeccionados ao montañismo?

Si, cada vez é máis habitual atoparse con grupos numerosos na montaña, probablemente porque agora hai moitas outras cousas que non se poden facer…

Eólicos, minas…Que opinades como montañeiros da situación do monte e do rural en Galicia?

Basicamente pensamos que o rural galego atópase nunha situación de completo abandono e esquecemento, cuxa única función é o expolio dos seus recursos naturais para intereses que nada teñen que ver ca nosa forma de vida, sendo accións promovidas por medios completamente alleos á contorna e que interpretan o rural como un suxeito tercermundista.