Skip to main content
O Incio

A igrexa de Santa Cruz do Incio, declarada Ben de Interese Cultural

Por 8 Abril, 2021Abril 11th, 2021Sin comentarios

A igrexa sitúase fronte ao espazo axardinado da Praza de España

O Consello da Xunta deu hoxe luz verde ao decreto polo que se declara Ben de Interese Cultural (BIC), coa categoría de monumento a nivel de protección integral, a igrexa de Santa Cruz do Incio. O templo, proxectado polo arquitecto José Luís Fernández del Amo, é unha mostra excepcional da arquitectura do Movemento Moderno en Galicia e no resto de España.

O recoñecemento supón incluír tamén máis de 40 bens do interior que son de especial interese patrimonial e que se integran no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia, como os 24 bancos deseñados por Fernández del Amo, dous confesionarios, unha pía bautismal e outra de auga bendita, o altar principal e outro lateral, a talla da Virxe de Santa Cruz do Incio, crucifixos ou viacrucis, entre outros.

O documento, que entrará en vigor despois da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG), culmina o proceso iniciado en 2017 cando a Universidade da Coruña achegou o resultado do traballo encargado pola Xunta para o estudo de proposta para declarala ben de interese cultural. Á vista desta solicitude, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural pediu o parecer dos órganos asesores e consultivos, o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega de Belas Artes e a Escola Técnica, que en 2018 concluiron cun informe favorable. Patrimonio incoou o expedente en xuño de 2020, momento no que se levou a cabo a súa protección inmediata e provisional.

Con esta decisión, o Goberno autonómico reforza a súa aposta de revalorización con este inmoble no que vén de concluír tarefas de conservación que supuxeron obras o pasado ano por máis de 130.000 euros para evitar o deterioro do edificio e poder acometer algunhas operacións de posta en valor do templo e a súa contorna.

VALORES ARQUITECTÓNICOS

A igrexa parroquial de Santa Cruz do Incio é un templo construído entre os anos 1961 e 1963. A súa declaración BIC susténtase nos notables valores arquitectónicos e culturais do templo, que é considerado un exemplo singular no conxunto do patrimonio moderno de Galicia e da nova construtiva eclesiástica española. Ademais, este inmoble contén un conxunto moi notable de pezas, que son mostra da integración das artes e da súa capacidade expresiva.

Para o seu recoñecemento valóranse, entre outros aspectos, o escaso número de inmobles da arquitectura moderna do período e estar situado nunha pequena localidade rural, as excepcionais condicións de integridade da igrexa, a súa calidade arquitectónica, a integración de numerosas pezas artísticas e artesás de notable valor, e o diálogo que establece coa propia arquitectura histórica.